O Celta Fortuna suma un punto tras enfrontarse ao filial do FC Barcelona nun encontro marcado polo debut goleador do xuvenil Iago Barreiros e a lesión de Dela que deixaba ao equipo en inferioridade numérica no minuto 75.
Nos primeiros compases do encontro, o Barça Atlétic comezou dominando o partido con posesións longas e presionando alto mentres que os celestes trataban de conter aos blaugranas e ir gañando confianza sobre o terreo de xogo. Tan só 15 minutos despois, o Celta Fortuna xa era dono do balón e avisaba que sería un duelo moi rifado. Emi Rodríguez tivo a primeira do partido cun tiro cruzado que se iría fóra mentres que, pouco despois, Yoel Lago conseguía bater ao gardameta azulgrana cun tanto que o colexiado anularía ao considerar a súa posición antirreglamentaria.
Continuaban presionando os celestes, cando Burcio conseguía irse de tres rivais, penetrándose na área rival e dando o pase atrás que aproveitaría Iago Barreiros para sumar, esta vez si, o primeiro tanto celeste no Johan Cruyff. Primeiro gol co Celta Fortuna para o mozo canteirán de 16 anos que culminaba desta maneira a espectacular xogada iniciada por Hugo Burcio.
A segunda parte comezou como terminara a primeira, os de Fredi Álvarez continuaban dominando o partido e achegándose perigosamente á portería de Kochen. Precisamente foi nunha acción de ataque comandada por Tincho, cando este foi derrubado na área por Mbacke o que o árbitro sinalou como penalti. Miguel Román foi o encargado de transformar o tanto desde os 11 metros cun tiro directo á escuadra.
O filial celeste aumentaba a súa vantaxe cun 0-2 ante un rival que trataba de meterse no partido e aumentar a presión e, con ela, os ataques á portería de Marc Vidal. Sería no minuto 49 cando Dani Rodríguez sumaba o primeiro tanto blaugrana que foi a gasolina que necesitaba o conxunto catalán que, pouco despois, lograba empatar o encontro. Unha situación que obrigaba a Fredi Álvarez a mover o banco e refrescar ao equipo, tocado polo repentino empate. Cos cambios efectuados, o filial celeste volvía ser o dono do balón e a someter baixo o seu dominio ao Barça Atlétic pero, sete minutos despois de entrar ao terreo de xogo, Dela víase obrigado a abandonar debido a unha forte dor na coxa esquerda. Un contratempo inesperado que colocaba aos de Fredi Álvarez nunha inferioridade numérica coa que debían conter o resultado durante os vinte minutos de xogo restantes. Un titánico exercicio de resistencia que finalmente levou ao conxunto celeste a sumar un valioso punto en terras catalás.
O vindeiro domingo, 15 de decembro ás 15:30h., o Celta Fortuna volverá loitar por sumar novamente outros tres puntos na casa ante o FC Andorra.
FICHA TÉCNICA:
2 – Barça Atlètic: Kochen, Mbacke, Sergi Domínguez (Guillermo, min 74), Garrido, Unai, Barberá (Gistau, min 31), Rubén López, Dacosta (Soma, min 74), Pau Prim (Cuenca, min 74), Darvich (Dani Rodríguez, min 46) e Alexis Olmedo.
2 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Gael Alonso, Yoel Lago, Manu Fernández; Gavián (Ángel Arcos, min 66), Burcio (Antañón, min 69), Miguel Román, Garriel (Miguel Conde, min 66); Tincho, Barreiros (Dela, min 74) e Emilio (Sergio Díez, min 66).
Goles:0-1, min 37: Iago Barreiros. 0-2, min 47: Miguel Román de penalti. 1-2, min 49: Dani Rodríguez. 2-2, min 56: Dani Rodríguez.
Árbitro: Morales Moreno (Comité Andaluz). Amoestou con tarxeta amarela a Miguel Román, Yoel Lago e Tincho por parte do Celta Fortuna; e a Pau Prim e Mbacke por parte dos locais.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 16 do Grupo I de Primeira Federación versus e-Learning disputado no Estadi Johan Cruyff.