O canteirán Fer López amplía a súa vinculación co RC Celta, que se iniciou fai máis dunha década, en categoría benxamín. O centrocampista, de 20 anos de idade, seguirá ligado ao conxunto celeste catro campañas máis. Esta renovación amosa tanto o compromiso do xogador co “club da súa vida” como o da entidade celeste coa súa canteira, protagonista nas últimas semanas de espléndidas noticias.
Tras un curso espectacular no Celta Fortuna no que xogou 32 encontros con máis de 1400 minutos disputados, 7 goles anotados e 3 asistencias, Fer López revalida o seu compromiso co club que o viu crecer. O mozo canteirán chegaba a A Madroa sendo apenas un neno, con tan só 9 anos, nese momento iniciábase unha traxectoria deportiva na que, cun gran esforzo continuado e exemplar compromiso, pasaría por todas as categorías inferiores do conxunto celeste ata chegar ao Celta Fortuna, onde pecharía unha tempada magnífica. Culminada coa clasificación para o Play-off de ascenso a Segunda División.
O RC Celta afianza así a súa firme aposta pola canteira e pola formación integral dos xogadores que forman parte das categorías inferiores. A renovación de Fer López adorna aínda máis un verán cargado de vistosos ornamentos na canteira celeste.
Parabéns, Fer!