Os celestes superaron 5-0 ao Langreo impulsados por unha afección entregada ao equipo
O filial celeste deixou moi boas sensacións no primeiro partido da tempada en Barreiro. Os de Fredi arrincaron o encontro con seguridade, confianza e exercendo unha intensa presión sobre o rival.
As boas maneiras do cadro céltico foron premiadas moi pronto, no minuto 5. Fantástica carreira de Jordan en banda esquerda, que enviou o balón ao corazón da área. O esférico rodou ata as botas de Luis Rioja, e este non perdoou na súa primeira oportunidade para anotar.
O tanto celeste azuzó aos asturianos, máis incisivos á hora de recuperar o balón e achegarse á área olívica. O bo facer defensivo do Celta B, en todo o seu conxunto, sumado a un acertado Óscar Santiago nas escasas ocasións que tivo que intervir, evitaron que o Langreo igualase o resultado.
Os canteiráns non escatimaron na súa entrega. O Celta quere o balón e, cando o ten, busca o gol sen concesións. No minuto 30 materializouse esta filosofía. Recuperación dos célticos e gran xogada persoal de Borja Iglesias, que avanzou e asistiu a Julio Delgado. O dianteiro galego definiu con calidade para pór o 2-0 no marcador.
Case sen tempo para reaccionar, once minutos despois, a dupla Borja Iglesias-Julio Delgado volveu entrar en escena. A presión de Julio permitiu recuperar o balón, que chegou ás botas de Iglesias. O santiagués enviou a pelota ao fondo da rede. O choque chegou ao tempo morto con 3-0 e unha afección encandeada coa actuación do filial.
No segundo tempo continuou o despregamento local, cunha bancada envorcada cos canteiráns. No minuto 55 Borja Iglesias arrincou por banda dereita e serviu o balón en bandexa a Jordan, que só tivo que empuxala. 4-0 e máis de media hora de encontro por diante.
O Langreo víase impotente ante a superioridade viguesa. A agresividade do conxunto asturiano aumentou considerablemente, pero os celestes mantiveron a compostura. As ocasións non deixaron de chegar, como un disparo de socato de Jordan no 73 que o porteiro rival acertou a despexar.
Fredi deu entrada a Thaylor, Yelko e Pape para refrescar ao equipo, este último decisivo nada máis saltar ao terreo de xogo. No minuto 79 recibiu na área un gran pase, moveuse con axilidade ante a oposición da defensa e definiu por abaixo con moita calidade. Era o 5-0.
A seguinte xogada de perigo volveu protagonizala o Celta. Javi Díaz, gardameta do Langreo, despexou con acerto un potente disparo de Samu. Os xogadores rivais encaráronse co canteirán sen aparente xustificación, un enfrontamento que o colexiado resolveu mostrando a amarela a Samu e a un dos visitantes.
Gran vitoria do Celta B, que asinou un partido brillante e moi ilusionante para a afección de Barreiro, entregada ao equipo desde o asubío inicial.
FICHA TÉCNIA
5-CELTA B: Óscar, Goldar, De Amo, Crespo, Samu, Javi Rey, Borja Domínguez (Pape, min.73), Jordan, Luis Rioja (Yelko, min.61), Julio e Borja Iglesias (Thaylor, min.61).
0-UP LANGREO: Javi Díaz, Esteban, Manu Blanco, Otero, Muño (Robert, min.45), Mendi (Borja Fernández, min.62), Hevia, Méndez, Ortiz (Rubo, min.69), Robi e Acebal.
Goles: Luis Rioja, min.5 (1-0); Julio Delgado, min.30 (2-0); Borja Iglesias, min.41 (3-0); Jordan, min.55 (4-0); Pape, min.79 (5-0).
Árbitro: Muñoz Piedra, do comité madrileño. Amonestou aos visitantes Robi, Otero, Robert e ao celeste Samu.
Campo: Barreiro, 1.000 espectadores.