O Celta Fortuna conseguiu a súa primeira vitoria da tempada en casa ante a SD Amorebieta (3-1). Fer López, Tincho e Jordi Escobar selaron unha merecida goleada fronte a un cadro vasco que non logrou dixerir o atracón local.
O encontro presentábase complicado para o Fortuna, que chegaba minguado pola falta dos internacionais e a ausencia no banco dos sancionados Fredi Álvarez e Gael Potti. A pesar da situación, o filial celeste saltou ao céspede coa vista posta nos tres puntos e, despois de varios intentos, chegou a recompensa. Fer López combinou con Iago Barreiros para quedar so fronte ao porteiro rival e resolver cun disparo cruzado ao pau longo que abriu o marcador (1-0). O dominio continuou durante os seguintes minutos, pero na recta final do primeiro tempo, un desafortunado despexe na área de Marc Vidal provocou o empate dos visitantes (1-1).
Lonxe de verse afectados polo revés, os celestes saíron con máis forza, e nin cinco minutos da segundo metade fixeron falta para que Tincho devolvese a vantaxe ao Fortuna cun disparo cruzado (2-1). Tres puntos que terminaría asinando Jordi Escobar nos últimos compases do encontro cun golazo. O 9 recuperou o balón no medio do campo e lanzou un potente disparo desde fóra da área que se coou pola escuadra (3-1).
Con este triunfo, o Celta Fortuna toma impulso e pon a mira no seu próximo compromiso, que será o sábado 19 de outubro fronte ao CD Lugo no Anxo Carro.
FICHA TÉCNICA:
3 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Sergio Díez, Gael Alonso, Yoel Lago, Pablo Meixús (min. 85, Garriel), Tincho Conde (min. 85, Hugo Burcio); Miguel Román, Dela (min. 74, Manu Fernández); Iago Barreiros (min. 68, Jordi Escobar), Fer López e Ángel Arcos (min. 68, Johan Guedes).
1 – SD Amorebieta: Unai Marino; Álex Carbonell, Mikel Kortazar, Yuste (min, 76, Dani Selma), Amelibia; Ben Hamed, Jon Guerrero, Íñigo Muñoz (min. 70, Enol Coto), Nakai (min. 59, Coulibaly), Pablo Hervías (min. 59, Bravo), e Álvaro Martín (min. 59, Kaxe).
Goles: Fer López (min. 27), Yoel Lago (PP min. 36), Tincho (min. 49), Jordi Escobar (min. 79).
Árbitro: Guillermo Conejero Sánchez (Comité Extremeño).
Tarxetas: Por parte do Amorebieta veron carón amarelo Mikel Kortazar y Kaxe.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 8 do Grupo I da Primeira Federación disputado en Abanca Balaídos ante 2.000 espectadores.