Hemeroteca canteira

Goles e fútbol na vitoria do Celta B ante o Zamora

RC Celta

celbzam-1415.jpg

Os celestes foron moi superiores os 90 minutos. Marcaron Señé, Iglesias, Jordan e Que (4-1)

 

Gran encontro do Celta B, un vendaval ante o que o Zamora pouco puido facer. Os celestes arrincaron o encontro cunha enorme determinación, dispostos a adiantarse no marcador canto antes, e así foi. No minuto 10 unha gran xogada do filial finalizou con pase de Señé e remate de tacón de Borja Iglesias. O gardameta zamorano despexou o balón con apuros. Foi a antesala do primeiro tanto vigués.

 

Dous minutos despois, Borja Iglesias trenzou unha boa xogada persoal que deixou en bandexa o esférico a Señé, que tan só tivo que empuxala para marcar o primeiro dos célticos. O 1-0 deu maior seguridade ao Celta. Os de Javi López tocaban con criterio e calidade, cunha dupla ofensiva Señé-Iglesias prometedora. Na parcela defensiva os vigueses tamén se mostraron moi solventes, anulando as puntuais chegadas do rival.

 

No minuto 30 segundo gol local. Bo centro de Señé que cabecea Iglesias, o porteiro despexa e Omar remata, o gardameta rival despexa unha vez máis pero, no segundo rexeite nada puido facer para bloquear o potente disparo de Jordan. O Zamora mellorou tibiamente tras o 2-0, pero non o suficiente como para inquietar a Óscar Santiago.

 

Ao bordo do descanso chegou o terceiro tanto galego tras un rápido contraataque. Borja Iglesias recibiu no pico da área, escorado en banda dereita. O porteiro visitante saíu á desesperada a bloquear o tiro do celeste, pero Iglesias acomodou o balón e, case sen ángulo, rematou con calidade para pór o 3-0 no marcador. Gran gol do dianteiro santiagués.

 

Tras a continuación o Celta mantivo as boas sensacións, roldando permanentemente a área visitante. No minuto 61 unha xogada desafortunada deu esperanzas ao Zamora. Soto tocou o balón involuntarimante na área e o colexiado indicou penalti, unha pena máxima que detivo Óscar Santiago pero que, no rexeite, nada puido facer ante o disparo de Aarón.

 

Os vigueses non renunciaron á súa aposta por tocar a pelota, aínda que co 3-1 o Zamora mellorou. Pouco despois do gol unha man salvadora de Óscar impediu que o conxunto castelán leonés metésese de cheo no partido. Corría o minuto 75 cando chegou a definitiva tranquilidade a Barreiro. Javi Que caeu na área derrubada polo porteiro. Cartón vermello para o gardameta e penalti a favor do Celta executado á perfección polo propio Que.

 

A falta de 5 minutos para o final os vigueses crearon unha fermosa contra que terminou con remate de Luís Rioja na área. O recentemente entrado Tomás interveu con acerto para evitar o quinto dos célticos.

 

FICHA TÉCNICA

4-CELTA B: Óscar, Kevin, Soto, Goldar, Samu, Javi Rey (Casas, min.55), Jordan, Señé, Omar (Luis Rioja, min.66), Puchetta e Borja Iglesias (Javi Que, min.66)

 

1-ZAMORA: Miguel, Dani Mateos, Prada, Rivas, Kurbus, Garreta, Aarón, Cristian (Ocho, min.55), De La Nava, Rodri (Sergi Mut, min.49) e Coque

 

Goles: Señé, min.12 (1-0); Jordan, min.30 (2-0); Borja Iglesias, min.43 (3-0); Aarón, min.62 (3-1); Javi Que, min.75 (4-1)

 

Árbitro: Alonso Prendes, do comité asturiano. Amonestou aos locais Javi Rey, Omar e Soto e aos visitantes Cristian, Dani Mateos e Ochoa

 

Campo: Barreiro (500 espectadores)

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas