Fortunagol
Celta Fortuna

Golpe de autoridade do Celta Fortuna ante o Real Madrid Castilla (1-0)

RC Celta

O Celta Fortuna segue dando pasos firmes neste inicio de tempada e fíxoo cunha vitoria de alto valor competitivo ante o Real Madrid Castilla, un dos filiais máis potentes do panorama europeo. O equipo de Fredi Álvarez sumou tres puntos de prestixio nun partido moi esixente, ben interpretado e que confirmou o excelente ton do conxunto celeste.

Superiores durante gran parte do encontro e tras unha primeira intervención de Coke decisiva, o Fortuna apropiouse do balón e do ritmo grazas a unha presión alta moi ben coordinada e á solidez no centro do campo. Hugo Burcio e Dela dominaron a zona ancha, pecharon liñas de pase e provocaron erros na saída do Castilla. Desde aí, o equipo atopou profundidade, especialmente polo costado esquerdo, onde Joel López volveu mostrar un gran nivel. Dunha das súas accións naceu o único gol do partido, culminado por Bernard Somuah cunha definición de calidade.

O Celta Fortuna non se desordenou tras o gol e mantivo o seu plan, combinando posesións longas cun traballo defensivo intenso ante un rival con gran talento individual, con algúns xogadores que xa debutaron no primeiro equipo branco. No segundo tempo, o conxunto de Arbeloa axustouse e gañou presenza en campo contrario, mesmo en inferioridade, obrigando ao Fortuna a resistir. Un tramo final no que co rival envorcado, os celestes defenderon con orde e personalidade para pechar unha vitoria que reforza o seu gran arranque ligueiro demostrando que a este equipo sóbralle carácter, identidade e ambición.

Tras o parón do Nadal, os de Fredi Álvarez volverán á carga o domingo, 4 de xaneiro ás 12:00 horas, ante o Cacereño no estadio Príncipe Felipe.

FICHA TÉCNICA:

1 – Celta Fortuna: Coke Carrillo, Anxo Rodríguez, Pablo Meixús, Jaime Vázquez, Anthonie Khayat (Pablo Gavián, Min. 64), De la Iglesia (Luis Bilbao, Min. 77), Hugo Burcio, Joel López, Ángel Arcos (Milla, Min. 88), Bernard Somuah (Álvaro Marín, Min. 46) e Óscar Marcos (Capde, Min. 77).
0 – Real Madrid Castilla: Fran González, Fortea, Joan Martínez, Lamini, Valdepeñas (Liberto, Min. 66), Cristian David, Manuel Ángel, Mesonero (Jacobo, Min. 76), Pol Fortuny (Castrelo, Min. 84), Leiva (Roberto, Min. 76) e Palacios.

Goles: 1-0 (Min. 9): Bernard Somuah.

Árbitro: Francisco García. Por parte do Celta Fortuna, foron amoestados Jaime Vázquez, Ángel Arcos e Anxo. Mentres que por de o Real Madrid Castilla, viron tarxeta Valdepeñas, Mesonero e Domingo. Ademais, o visitante Manuel Ángel foi expulsado por dobre amarela no minuto 74.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Primera Federación disputado en Abanca Balaídos ante 1154 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas