ESCUDO-1300x400-01
Fundación

Juan Carlos Unzué reencóntrase co RC Celta nun enriquecedor e emotivo acto

RC Celta

Emotivo, didáctico e, sobre todo, enriquecedor. O encontro do ex adestrador céltico Juan Carlos Unzué co RC Celta, organizado pola Fundación celeste, foi unha catarata de leccións e emocións, que anidaron no corazón de cada un dos presentes -consello de administración, directiva, primeiro equipo, filial, Celta Integra, canteiráns e empregados- nun Auditorio de Afundación completamente abarrotado. O eixe de todo: dar visibilidade á ELA e concienciar sobre a necesidade de axuntar esforzos para combater esta terrible enfermidade… e render homenaxe a unha persoa admirable, a un loitador incansable.

O evento comezou cun video sobre a traxectoria deportiva do ex técnico celeste, que recibiu no escenario ao director de Fútbol Denominación de Orixe Celta, Carlos Hugo García Bayón, e o canteirán Brais Méndez, quen debutó e asentouse no primeiro equipo baixo a tutela de Juan Carlos Unzué.

Tras unha nova peza audiovisual sobre o encomiable traballo que está realizando Unzué para dar visibilidade á ELA, interviñeron Álex Abalde en representación da Fundación Celta, adestrador do Celta Integra, e Dámaris Domínguez, secretaria da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica.

Unzué, nunha emotiva e didáctica charla, disertou sobre como gestionar e convivir con esta enfermidade -“a vida merece a pena” foi unha das súas mensaxes- e como pode colaborar a sociedade para responder despois ás preguntas realizadas polos asistentes. Para rematar, o primeiro equipo e o filial do RC Celta, protagonizaron a foto de familia con Unzué.

O club celeste puxo á venda online unha colección de 3 produtos inspirados en Unzué e o seu lema “Vivir valELA pena”, cuxa recaudación destinarase a Agaela. Os produtos pódense adquirir AQUÍ

RC Celta

Etiquetas

Fundación

Noticias recomendadas