20230416_LaLigaGenuine_3
Fundación

A paixón polo fútbol e a diversión de LaLiga Genuine Santander únense en Vigo nunha fin de semana para o recordo

RC Celta


Por segunda vez, e coincidindo co centenario do club, o RC Celta, da man da súa Fundación, acolleu como club anfitrión a LaLiga Genuine Santander, competición integradora e pioneira no mundo, posta en marcha por Fundación LaLiga formada por equipos de persoas con discapacidade intelectual.
O pasado venres 14 de abril abriamos as portas do emblemático edificio da Sede para recibir aos capitáns e capitás dos 22 equipos participantes. A cerimonia, que supuxo o pistoletazo de saída desta sede, contou coa presenza de Carlos Mouriño, presidente do RC Celta, e Javier Tebas, presidente de LaLiga, quen quixo dar a benvida aos equipos e desexarlles unha boa fin de semana de fútbol e valores.
Tras a inauguración, o sábado 15 e o domingo 16 tiveron lugar os encontros deportivos que dan por iniciada a penúltima fase de competición da tempada. Nestas dúas xornadas, as instalacións da Madroa albergaron máis de trinta partidos divididos en tres franxas de xogo, nas que a paixón polo fútbol foi a clara protagonista, tanto polos xogadores e xogadoras, como polas decenas de afeccionados e familiares que se quixeron achegar a animar aos seus equipos.
Despois destes encontros, na clasificación deportiva situouse o RCD Espanyol como líder do Grupo Deportividade con 25 puntos, e o Córdoba CF como primeiro do Grupo Compañeirismo con 20 puntos. En canto á clasificación de Xogo limpo, Fundación Celta Integra sitúase na cabeza do seu grupo, o Deportividade, con 332 puntos; mentres que Fundación Real Madrid sitúase en primeira posición do Grupo Compañeirismo con 351 puntos. Picando aquí pódense consultar os resultados dos partidos e as diferentes clasificacións a falta da conclusión desta fase, que terá lugar en Burgos do 12 ao 14 de maio co Burgos CF como equipo anfitrión.
A fin de semana de competición concluíu coa xa tradicional entrega de medallas para todos os participantes de man de Carlos Mouriño; presidente do RC Celta; Clemente Villaverde, presidente da Fundación LaLiga; Germán Arteta, director da Fundación Celta; Olga de la Fuente, directora da Fundación LaLiga; así como de diferentes representantes de marcas asociadas e de entidades colaboradoras á competición.

RC Celta

Etiquetas

Fundación

Noticias recomendadas