A sétima xornada da VI edición do Curso Denominación de Orixe Celta, celebrada o luns 22 de novembro no Salón Rexio da Sede, nesta ocasión tivo como protagonista a un profesional da casa, Marco Rocha, director de Comunicación e Contidos do club.
Natural de Ourense e licenciado en Ciencias da Información na Universidad Pontificia de Salamanca, ademais de contar coa licenciatura en Ciencias Políticas pola Universidad Complutense de Madrid, Marco Rocha ten unha dilatada e contrastada experiencia no mundo da comunicación.
Os seus comezos como xornalista foron entre os anos 1999 e 2004, cando formou parte do equipo de Tendido cero, traballando tamén en RNE e no magacín matinal La 2 España.es, ademais de ser un dos 23 reporteiros fundadores do programa España Directo. Para os afeccionados deportivos, Rocha fíxose máis familiar cando se incorporou a Mediaset, desenvolvendo o seu labor na sección de Deportes de Informativos de Telecinco, onde cubriu como enviado especial o Mundial de Suráfrica 2010 e coordinou o equipo que narrou o Mundial de MotoGP 2012. Posteriormente, durante cinco anos e antes de incorporarse ao RC Celta, foi o director de Comunicación Online da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), creando o primeiro medio dedicado integramente a unha selección de fútbol, modelo de éxito único e copiado polas federacións de todo o mundo.
Marco Rocha, paixón e entrega na súa exposición, desenvolveu unha clase maxistral dividida en tres diferentes temáticas. Unha primeira parte protagonizada pola comunicación dixital, a súa progresión e crecemento nos último anos, o impacto das marcas, a expansión do Big Data, así como a viralidad e o bo ou mal uso das redes sociais, sempre en relación e importancia co traballo en equipo e en especial co mundo do fútbol. O xornalista galego continuou cunha segunda parte enfocada en como defenderse en público, a importancia e o coidado da linguaxe non verbal, así como as ferramentas e habilidades comunicativas máis importantes. Por último, contando coa participación dos asistentes, de maneira amena e moi distendida, Marco desenvolveu unha serie de exercicios prácticos que completaron e culminaron a súa fantástica e magnífica exposición.
A VI edición do Curso D.O. Celta achégase ao final do seu programa coa celebración da oitava e penúltima xornada o vindeiro luns día 13 de decembro.