
O Celta Fortuna caeu en Barreiro no primeiro partido na casa de 2026 ante o Barakaldo CF (1-2) nun encontro no que os de Fredi Álvarez mereceron máis. Os celestes asinaron un bo partido, con iniciativa, xogo valente e carácter, pero dous erros puntuais condenaron a un equipo que nunca baixou os brazos e que loitou ata o último minuto por, cando menos, rescatar un punto.
O filial celeste arrancou con forza e avisou axiña. Antañón e Álvaro Marín asociáronse nos primeiros minutos para xerar a primeira ocasión clara, pero o gol non chegou. Unha boa colleita inicial da que acabou recollendo os froitos o Barakaldo, certeiro no minuto 8 por medio de Víctor San Bartolomé, ex do Celta Fortuna, quen abriu o marcador. Lonxe de acusar o golpe, os locais seguiron apertando, con Antañón moi activo e varias chegadas perigosas, pero entre a falta de acerto e a acumulación defensiva visitante non lograron empatar. E aínda peor, un córner permitiu ao Barakaldo ampliar a vantaxe co 0-2 antes do descanso, pechando unha primeira parte na que destacou Coke, clave para evitar un marcador máis amplo.
Tras o paso polos vestiarios, o Barakaldo baixou o ritmo e o Celta Fortuna tomou definitivamente o control. O premio ao esforzo chegou no minuto 72, cando Antañón culminou unha boa acción colectiva tras asistencia de Álvaro Marín. O gol, inicialmente anulado por fóra de xogo, foi validado tras a revisión do VAR e acendeu aínda máis á bancada. A partir de aí, os celestes volcáronse na procura do empate, pecharon ao seu rival e xeraron varias ocasións claras, obrigando ao porteiro visitante a intervir con acerto nos minutos finais.
O partido pechouse cun 1-2 que non reflicte de todo o visto sobre o céspede, nun duelo competido e esixente que volveu demostrar o carácter e o nivel dos rapaces do Fortuna, que seguen ocupando a segunda posición da táboa. Agora o equipo de Fredi Álvarez marca en vermello o 17 de xaneiro, inicio da segunda volta, cando visitará ao Talavera co obxectivo de volver sumar de tres.
FICHA TÉCNICA:
Celta Fortuna: Coke Carrillo; Jaime Vázquez (Ángel Arcos, min.40), Pablo González, Anxo Rodríguez, Joel López (Pablo Gavián, min.46); Hugo Burcio, Andrés Antañón; David de la Iglesia (Adrià Capdevila, m.40), Jorge Pérez (Bernard Somuah, min.68), Germain Miller (Óscar Marcos, min.84); Álvaro Marín.
Barakaldo CF: Gaizka Campos; Iker Pedernales, Iker Roupeiro, Markel Arana, Oier López (Beñat de Jesús, min.84); Iván Castillo (Borja García, min.84), Julen Huidobro (Saliou Mandiang, min.68); Víctor San Bartolomé (Ekaitz Molina, min.68), José de León (Urtzi Albizua, min.68), Iñigo Muñoz; Aitor Galarza.
Goles: 0-1, min.9: Víctor San Bartolomé. 0-2, min.28: Markel Arana (asistencia de Oier López). 1-2, min.73: Andrés Antañón (asistencia de Álvaro Marín).
Árbitro: José Alberto Pardeiro. Mostrou cartón amarelo ao visitante Oier López (min.41).
Incidencias: Partido correspondente á Xornada número 19 do Grupo 1 de Primeira Federación disputado no Campo Municipal de Barreiro ante 812 espectadores.