Os celestes foron superiores ao Sevilla FC e estrelaron dous balóns contra a madeira (2-0)
O Celta Alevín caeu nos cuartos de final da Liga Promises ante o Sevilla FC, nun encontro no que as ocasións as puxeron o celestes pero o único gol asinouno o cadro sevillano. Os canteiráns célticos remataron dúas veces á madeira e terminaron o choque envorcados na área rival. A fortuna non sorriu ao equipo adestrado por Álex Otero.
O Sevilla comezou o partido controlando o esférico, pero os vigueses non tardaron moito en facerse coa posesión e despregar o seu bo xogo. As ocasións no primeiro tempo púxoas o Celta. Ao dez minutos Sotelo estrelou o balón contra o poste esquerdo da portaría sevillista e, case de inmediato, Miguel desmarcouse con calidade e rematou ante o porteiro rival, que acertou a despexar cos pés. Ao fío do descanso os da Madroa enviaron o esférico ao traveseiro.
Nada máis comezar a segunda parte o recentemente entrado Carlitos puxo ao Sevilla por diante no marcador cun remate cruzado. Os celestes demostraron carácter e recompuxéronse para retomar a batuta do choque, pero o seu asedio á área sevillista non atopou premio. Co tempo xa cumprido o Sevilla sentenciou á contra.
O Celta Alevín despídese deste torneo deixando unha imaxe espectacular que redondea a súa gran tempada. Os canteiráns proclamáronse campións do Grupo C tras empatar co Espanyol (0-0) e vencer a Real Madrid (1-0), Granada (3-1) e Deportivo (2-0), mentres que nos oitavos de final superaron con claridade á Real Sociedad (3-0).