O atacante celeste, convocado xunto a Borja Fdez e David Costas, foi titular no empate ante Portugal
O canteirán celeste Santi Mina estreouse cun gol no torneo amigable de Hungría no que participa a selección española Sub-19. O dianteiro céltico, titular ante Portugal no primeiro partido do campionato, abriu o marcador no minuto 50, un tanto que a punto estivo de valer a vitoria se non fose por un aciago penalti contra España no tempo engadido. Os lusos non desaproveitaron a ocasión e empataron o encontro.
O RC Celta está representado na Sub-19 por outros dous canteiráns. O centrocampista Borja Fernández disputou os últimos quince minutos do choque e o defensa David Costas quedou no banco neste primeiro partido. Rubén Blanco, que tamén fora convocado, recupérase en Vigo da súa lesión muscular no adductor dereito.