A competición, na que participa o cadete celeste, desenvolverase na Madroa
A sala de prensa do estadio de Balaídos acolleu esta mañá a presentación da Fase Nacional Intermedia da Copa Coca-Cola, competición oficial cadete da Real Federación Española de Fútbol, que se celebrará o vindeiro domingo nas instalacións deportivas do Real Club Celta na Madroa. Ao acto asistiron o vicepresidente celeste Ricardo Barros, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol Gustavo Falqué, a representante de Coca-Cola Iberian Partners María Troncoso, e o xogador céltico Nolito, ademais do director da Fundación Celta de Vigo Germán Arteta.
Na Fase Nacional Intermedia enfrontaranse os clubs campións de cada Autonomía o 30 e 31 de maio. Os 18 clubs distribuiranse en grupos de tres equipos en seis sedes (L’Alcudia (Valencia), Madrid, Sevilla, Barcelona, Burgos e Vigo).
A eles uniranse as Seleccións Autonómicas Coca-Cola, compostas por xogadores cuxos equipos participen nas Fases Regular e Autonómica, pero que non se clasificaron para a Fase Final Intermedia. Ademais, grazas ao acordo entre Copa Coca-Cola e a Asociación de Futbolistas Españoles (AFE), cada selección estará acompañada por un embaixador Copa Coca-Cola, ex xogadores profesionais de fútbol que tutelarán ás seleccións na fase crucial do torneo. O Embaixador da Selección Galega é o exjugador Manuel Mosquera.
As Seleccións Autonómicas disputarán a Fase Final Intermedia co mesmo formato de competición que os clubs. Así, as seis Seleccións Autonómicas campioas de cada grupo clasificaranse igualmente para a Gran Fase Final.
Os 6 clubs e as 6 seleccións Autonómicas campións de cada un dos grupos da Fase Final Intermedia disputarán a Gran Fase Final de Copa Coca-Cola, que se disputará do 12 ao 14 de xuño nas instalacións da Escola de Fútbol de Mareo, Asturias.
Os árbitros continuarán coas Tarxetas Brancas, que, do mesmo xeito que as amarelas e vermellas, poderanse mostrar durante os encontros e serán recollidas nas actas oficiais. Estas cartulinas brancas servirán para recoñecer aquelas accións deportivas que se produzan dentro ou fóra do terreo de xogo durante a competición. Fai uns días, o seleccionador Vicente do Bosque entregou o premio Tarxeta Branca ao presidente do Real Club Celta Carlos Mouriño.
Sobre Copa Coca-Cola
Copa Coca-Cola, competición de fútbol base que naceu en 2002 co obxectivo de fomentar a actividade física e promover os valores universais do deporte entre os mozos.
Este ano celébrase a XIII edición de Copa Coca-Cola en España, a III como Competición Oficial Cadete da Real Federación Española de Fútbol. Durante estes trece anos, máis de 450.000 xogadores formaron parte da competición. Esta tempada, 4.000 equipos e preto de 100.000 xogadores, con idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos, competirán cada xornada por ser o mellor equipo de España da súa categoría.