Hemeroteca canteira

O Celta B manténse firme: vitoria ante o Marino de Luanco en Barreiro

RC Celta

celta_b_marino_web_15913.jpg

Nova vitoria dos celestes, que superaron ao rival cun tanto de Maceira na primeira metade 

 

O Celta B sumou unha nova vitoria, sen encaixar goles, ante un rival, o Marino que pelexou até o final a pesar de xogar en inferioridade desde o minuto 67. Traballado triunfo dun filial que soubo adaptarse ás esixencias do partido en cada fase. Maceira anotou na primeira metade o tanto do conxunto vigués.

 

Cos equipos enteiros fisicamente, no arranque do partido prevaleceu a pugna, a firmeza na presión e o peche de espazos. Poucas ocasións, escasas chegadas e moita batalla no centro do campo.

 

Ao bordo do cuarto de hora, o Celta B comezou a encadear pases, a alargar as súas posesións e impor o seu estilo combinativo. A alegría celeste moveu ao rival a buscar a contra. E atopou espazos para asustar nalgunha ocasión. O partido abriuse, con maior ida e volta.

 

Aos 24 minutos apareceu Yelko, quen tras unha xenialidade lanzou lixeiramente desviado ante Rafa Ponzo. Uns minutos despois, tívoa, tras unha cadea de erros celestes, Hevia, cuxo remate ante Rubén saíu elevado.

 

O filial celeste sacou partido aos 33 minutos dunha xogada de estratexia. Yelko sacou desde a esquina, caeu o rexeite e centrou para que Maceira, adestrando desde atrás, cabecease á rede.

 

Aos 41 minutos, gran contra céltica e tanto anulado a Borja Iglesias por presunto fóra de xogo. O filial dominaba con claridade un choque, que chegou ao descanso con vantaxe celeste.

 

Tras o descanso, o B mantivo o seu dominio, co Mariño moi atrás á espera dun erro para saír en velocidade. O rival foi aos poucos adiantando liñas en busca do empate e dificultando a saída de balón dos célticos, que non acababan de atopar os espazos dispoñibles ás costas da zaga asturiana.

 

Aos 13 minutos, clara derriba a Borja Iglesias na área do Marino que o colexiado non sinalou. A polémica xogada chegou tras unha brillante xogada de estratexia, con pase final de Fernán ao ariete celeste.

 

O encontro habíase trabado, con exceso de xogo longo e pouco control, ao gusto dun Mariño que trataba de aproveitar rexeites e segundas xogadas para xerar ocasións. Aos 22 miutos, Omar derrubou a Yelko cando ía entrar na área e viu a súa segunda amarela. O mozo centrocampista celeste lanzou a falta por encima do traveseiro.

 

O conxunto celeste acentuou o seu dominio en busca dun segundo tanto que pechase un partido que aínda estaba por definir, xa que o Marino chegaba á área con balóns longos e xogadas a balón parado, a súa proposta durante toda a segunda metade.

 

Marcos Torres estrelou o balón no pau tras un gran control e un bo pase de Borja Domínguez. Pouco despois, aos 33 minutos, Rafa Ponzo detivo un remate de Borja Iglesias tras unha parede con Yelko. O Celta B desperdiciara varias ocasións para sentenciar un partido que con todo entrou no tramo final coa exigua vantaxe lograda na primeira parte.

 

O equipo local soubo manexar os minutos finais para sumar unha nova vitoria, de novo coa porta a cero.

 

FICHA TÉCNICA

 

1-Celta B: Rubén, Pablo Pérez (Kevin, min.76), Soto, Antón, Maceira, Borja Domínguez, Borja Fernández, Yelko (Jordan, min.79), Fernán (Marcos Torres, min.70), Añón e Borja Iglesias

 

0-Marino de Luanco: Rafa Ponzo, Dudi, Omar, Espolita (Pablo Hernández, min.60), Guaya, Saavedra, Álvaro, David (Pevida, min.64), Chus Hevia, Titi e Jandro (Boris, min.64)

 

Goles: 1-0, min.33: Maceira

 

Árbitro: Juan Bustos, do comité castelán-leonés. Expulsou con dobre amarela a Omar (min.67) e amonestou a Pablo Pérez, Borja Iglesias, Marcos Torres, Antón, Saavedra e Jandro

 

Campo: Municipal de Barreiro, uns mil espectadores

 

Foto: Marta Grande

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas