O Celta B non puido culminar unha tempada extraordinaria co soño do ascenso. O filial caeu esta tarde en Mestalla por tres goles a un ante o Valencia no partido de volta da primeira eliminatoria do play off e despídese da competición.
Borja Iglesias adiantou aos celestes e avivou o soño da remontada, pero o conxunto local logrou primeiro igualar nun saque de esquina e despois, letal á contra, voltear definitivamente o resultado.
O Celta B realizou unha campaña espectacular, pugnando polo liderado ata a última xornada e batendo un bo número de récords. O club quere felicitar ao equipo e ao corpo técnico polo seu esforzo, traballo e rendemento e agradecerlle á afección o apoio e o agarimo que lle mostraron durante todo o campionato.