Hemeroteca canteira

O Celta B prolonga un arranque ligueiro espectacular

RC Celta

iglesiascelvall151016.JPG

 

Moita igualdade e escasas ocasións no primeiros corenta e cinco minutos do partido que enfrontou aos filiais do Celta e Valladolid en Barreiro. Os celestes chegaban á novena xornada da categoría de bronce imbatidos en casa e dispostos a prolongar o refacho de resultados positivos. Non llo puxo fácil o cadro valisoletano. Os de Valladolid cederon o esférico ao Celta, que non lograba dotar de fluidez ao seu xogo e que nas grandes ocasións caeu en fóra de xogo.

 

Desde o arranque da segunda metade os de Menéndez foron moito máis incisivos en ataque. Os canteiráns célticos rozaron o gol en varios balóns aéreos que non chegaron a atopar a portaría valisoletana. No minuto 58 chegou a mellor oportunidade do partido até entón. Hicham plantouse só na área e disparou ao corpo do gardameta. No rexeite Iglesias enviou fóra. O santiagués resarciuse dez minutos despois desde o punto de penalti, anotando a súa quinta diana no que vai de tempada.

 

De aí ao final o Valladolid viuse obrigado a abrirse en busca do empate mentres o Celta esperaba para sentenciar á contra. Salvo un par de inquietantes achegamentos dos castellanoleoneses, foron os vigueses quen puxeron as ocasións de perigo. Até dúas veces puido anotar Hicham, a máis clara na recta final do partido tras unha gran asistencia de Iglesias. O internacional marroquí non logrou anotar, pero a bancada recoñeceu o seu traballo cunha merecida ovación ao ser substituído.

 

A tres minutos para o asubío final Samu deixou ao Celta cun home menos ao recibir a segunda cartolina amarela. O cadro olívico pechou filas e mantivo o resultado sen apuros. Sexto triunfo dun espectacular Celta B que está a asinar un arranque ligueiro de ilusión. A próxima xornada novo duelo de filiais coa visita ao campo do Osasuna B.

 

FICHA TÉCNICA

1-CELTA B: Iván, Kevin, Roger, Alende, Samu, Borja Fernández, Gus, Joao (Brais, 53’), Juan Mera (Juan Hernández, 53’), Hicham (Agus, 82′), Borja Iglesias.

 

0-VALLADOLID B: Dani Hernández, Sinistierra (Mayoral, 58’), Mario, Calero, Ray, Manel, Mari, Renzo, Martín, Vega (Higinio, 69’), Corral (Juan, 67’).

 

Goles: Borja Iglesias (68’, 1-0, de penalti).

 

Árbitro: Alonso Prendes, do comité asturiano. Amonestou a Alende, Gus, Samu (Celta); Siniestierra (Valladolid). Expulsou a Samu (87′, doble amarilla).

 

Campo: Barreiro.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas