Barreiro viviu dous partidos: un gris ata o minuto 70 e outro vibrante ata o pitido final. Cun Celta dono do balón pero desacertado e unha Gimnástica Segoviana conservadora que rendibilizou ao máximo as súas escasas chegadas, a primeira parte do choque estivo marcada pola polémica. Ao bordo do descanso, Juan Hernández caeu na área segoviana claramente derrubado por un futbolista rival, unha acción que os celestes reclamaron como penalti. Apenas uns minutos despois, a Gimnástica sorprendeu cun disparo desde fóra da área que se coou ao fondo da portaría viguesa.
A posesión do esférico seguiu sendo celeste na segunda metade. O conxunto visitante esforzábase en frustrar as ofensivas viguesas á espera de gozar dunha nova ocasión… e o plan non lle puido saír mellor. Doce minutos despois da continuación Arribas volveu sorprender cun disparo a balón parado que terminou no fondo da rede céltica tras golpear as luvas de Jero.
Non sería o día do filial de cara á porta, pero a actitude e a entrega nunca faltan neste equipo. O pulo dos canteiráns tivo a súa recompensa a vinte minutos para o final. Dani Molina recortou distancias cun lanzamento afastado, similar ao primeiro tanto rival, que deu ás aos de Rubén Albés. Apenas dous minutos despois, nunha xogada case igual, Juan Hernández cambiou o partido co gol do empate. A igualada foi unha inxección de motivación para o Celta que, nas últimas pulsaciones do choque, puxo á Gimnástica contra as cordas. Os celestes rozaron a remontada, merecérona, pero finalmente tiveron que conformarse cun punto que non deixou mal sabor de boca.
FICHA TÉCNICA
2-CELTA: Jero, Riki, Ros, Robert, Pampín, Rai, Dani Molina, Juan Hernández, Drazic, Agus, Dennis (Aarón, min.67).
2-GIMNÁSTICA: Pablo, Asier, Álex, J. Marcos, Anel, Manu, Agus Alonso, Fernán, Arribas (Kike, min.77), Calleja (Domingo, min.79), Leira (Rubén, min.90).
Goles: Arribas, 0-1 (min.42); Arribas, 0-2 (min.58); Dani Molina, 1-2 (min.70); Juan Hdez., 2-2 (min.72).
Árbitro: Vázquez González, do comité madrileño. amonestou a Rai, Drazic (Celta); Anel (Gimnástica).
Campo: Barreiro.