
O Celta Fortuna celebrou hoxe unha comida de convivencia en Abanca Balaídos. O encontro tivo lugar en Balcony Central ao redor das 15:00 horas, onde o filial celeste compartiu un petisco coa presenza de todos os xogadores e o corpo técnico.
A esta xuntanza sumáronse tamén a presidenta do club, Marián Mouriño, e o director de fútbol, Marco Garcés. Marián Mouriño expresou o seu orgullo pola tempada que está a realizar o equipo e animou a seguir competindo ao máximo nivel nunha categoría tan esixente como a Primeira RFEF. Pola súa banda, Marco Garcés puxo en valor o gran grupo humano que forma o Fortuna e lembrou que o principal obxectivo é a formación de xogadores coa vista posta no primeiro equipo.
A xornada desenvolveuse nun ambiente próximo e cordial, e serviu para celebrar a excelente primeira volta do equipo e reforzar os lazos entre xogadores, corpo técnico e estrutura do club.