XVA04129
Celta Fortuna

O Celta Fortuna dá un golpe de autoridade ante o Andorra FC (3 – 0)

RC Celta

O Celta Fortuna pechou o 2024 en casa cunha contundente vitoria sobre o Andorra FC (3-0), nun partido no que os celestes dominaron sen complicacións.

Un Fredi Álvarez valente presentaba, ante un equipo candidato ao ascenso a Segunda División, unha aliñación nova, moi nova. Ata 5 xuvenís comezaron o partido de inicio e dominaron dende o minuto 1, demostrando a calidade que se alberga na canteira. O filial celeste non tardou en impoñer o seu ritmo e poñer en serios apuros á defensa do principado que non conseguía zafarse dos continuos ataques do conxunto local. E é que, o que a segue, conséguea. Sería no minuto 25, cando Angelito inauguraba o marcador cunha gran xogada individual. O dianteiro, coa súa capacidade para o caneo, desfíxose da defensa rival para definir con sutileza o que sería o primeiro tanto celeste. A pesar do esforzo do Andorra por axustar o seu xogo e frear o dominio local, durante a primeira metade, apenas lograron inquietar a portería de Marc Vidal.

Sería co arranque da segunda parte cando o Andorra tentaba reaccionar e xerar máis ocasións de perigo, pero o Celta Fortuna estaba perfectamente organizado e non concedeu espazos. No minuto 77, Johan Guedes fixo o 2-0, tras un disparo que se desviou no defensor Morán, despistando a Nico Ratti. Mentres que, no 89′, Tincho pechaba a conta cun gol que chegou tras unha gran internada pola banda e un disparo que non deixou opción ao porteiro rival.

Desta maneira poñíase fin a un partido cun claro dominio celeste e, sobre todo, gran protagonismo da canteira. Ata sete xuvenís participaron sobre o terreo de xogo e Dani Noya, centrocampista de tan só 17 anos, disputaba os seus primeiros minutos en Primera Federación. Mocidade, calidade e talento sobre o campo, demostrando o potencial que alberga o filial que cada vez crece máis e achégase aos postos de play-off.

O vindeiro domingo, 22 de decembro, ás 12:00h. o Celta Fortuna pechará o ano a domicilio co encontro que disputará ante o Sestao River en Las Llanas.

FICHA TÉCNICA: 

3 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Gael Alonso (Iván Garriel, min. 65), Yoel Lago, Manu Fernández; Pablo Gavián (Miguel Conde, min. 75), Hugo Burcio, Miguel Román, Tincho; Andrés Antañón (Johan Guedes, min. 65), Ángel Arcos (Sergio Díez, min. 75) e Óscar Marcos (Dani Noya, min. 87).

0 – Andorra FC: Nico Ratti, Manu Nieto, Álvaro Martín (Almpanis, min. 46), Sergio Molina, Álvaro Peña, Clemente (Casadesús, min. 46), Bomba (Eik Morán, min. 70), Cerdá (Luismi, min. 70), Diego Alende e Iván Rodríguez.

Goles: 1-0, min. 25: Ángel Arcos. 2-0, min. 77: Johan Guedes. 3-0, min. 87: Tincho.

Árbitro: Néstor Helguera Castellanos. Amoestou con tarxeta amarela aos locais Ángel Arcos, Tincho, Miguel Román e Jordi Escobar. Do Andorra FC, foron amoestados Clemente, Cerdá, Lautaro.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 17 do Grupo I de Primera Federación versus e-Learning disputado en Abanca Balaídos. Ao termo do encontro, o equipo de seguridade do RC Celta levou a cabo con éxito un simulacro de evacuación ante emerxencias.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta Fortuna

Noticias recomendadas