Marcos
Celta Fortuna

O Celta Fortuna domina ao Tenerife e queda co mel nos beizos (1-1)

RC Celta

Cando o fútbol se pon caprichoso, toca resignarse e saber facer bo cada un dos puntos que o equipo vai sumando. Talvez ese sexa a principal análise que se pode facer despois do partido que o Celta Fortuna disputou nesta décima xornada de LaLiga Hypermotion. Porque, fronte a todo un histórico da Segunda División como o CD Tenerife, o filial celeste levou a iniciativa durante boa parte do encontro, adiantouse grazas a un golazo de Álvaro Marín e acumulou méritos para levarse algo máis que un empate.

Desde o inicio, os de Fredi Álvarez foron crecendo ata facerse co control do partido. Con personalidade para mover o balón e atacar os espazos, o Fortuna foi inclinando o xogo cara á portería visitante. O premio chegou cunha boa acción colectiva que Joel López culminou cun centro preciso que Álvaro Marín converteu en gol cun testarazo. O dianteiro celeste, en plena xeira, suma así a súa sexta diana da tempada para manterse como máximo goleador da categoría. O tanto reforzou o bo traballo do filial, que antes do descanso dispuxo de varias ocasións para ampliar a vantaxe mentres, o conxunto rival apenas atopaba respostas.

Tras o pasar por vestiarios, o guion cambiou co empate do Tenerife, que aproveitou unha acción desafortunada para devolver as táboas ao marcador. Os visitantes gañaron terreo durante algúns minutos, pero o Fortuna soubo refacerse e volveu buscar a portería rival. Álvaro Marín tivo opcións para recuperar a vantaxe e, cando o partido agonizaba, os chicharreros dispuxeron dun penalti que Nacho Gil enviou por encima do traveseiro.

O asubío final deixou un punto que sabe a pouco polos méritos acumulados pero que reafirma as boas sensacións coas que o equipo se estreou na categoría. A próxima cita no calendario levará ao Celta Fortuna ata o Estadio de Montilivi onde se enfrontarán a todo un xigante como o Girona FC co obxectivo de seguir sumando.

FICHA TÉCNICA:

1 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Quique Ribes (Alexis Olmedo, min. 42), Pablo Meixús (C), Joel López; Pablo Gavián (Germain Milla, min. 64), Adrià Capdevila, Hugo Cuenca (Mateo Sobral, min. 81), Ángel Arcos (Vlad, min. 81); Kibet (Jan Oliveras, min. 64), Álvaro Marín e Óscar Marcos.

1 – CD Tenerife: Dani, David Rodríguez, Moreno, Nacho Gil, Landazuri, Álvarez (Juanjo, min. 47), Gomis (De Miguel, min. 65), Enric Gallego (C) (Fabricio, min. 85), César, Pitton (Kralic, min. 46) e Dani Fernández (Noel López, min. 56).

Goles: 1-0, min. 27: Álvaro Marín. 1-1, min. 47: Nacho Gil.

Árbitro: Gonzalo Romero (Comité Catalán). Por parte do Celta Fortuna, mostrou tarxeta amarela a Quique Ribes, Milla e Óscar Marcos. Mentres que, por parte do CD Tenerife, foron amoestados César e Moreno.

Incidencias: Partido correspondente á décima xornada de LaLiga Hypermotion disputado en Abanca Balaídos ante 3.610 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Celta Fortuna

Noticias recomendadas