O Celta Fortuna disputou o seu primeiro partido como local da tempada 25/26, recibindo ao CD Guadalajara no Estadio de Barreiro. Un encontro que tivo un final amargo para o filial celeste, que asinou unha actuación moi completa, sendo superior en moitas fases do xogo e xerando numerosas ocasións.
Desde o minuto un, o conxunto dirixido por Fredi Álvarez impuxo un ritmo alto e unha proposta ofensiva clara. Con varios nomes propios destacados, os celestes dominaron a posesión e instaláronse en campo rival. O xuvenil Anxo Rodríguez volveu destacar con solidez na liña de tres, mentres que na medular, a combinación de Hugo Burcio e Adrià Capdevila ofreceu equilibrio e criterio á circulación do balón. Pola banda, Ángel Arcos foi unha ameaza constante e, xusto antes do descanso, protagonizou unha espectacular xogada individual que terminou cun disparo cruzado que se marchou fóra por centímetros.
O guion repetiuse na segunda parte. O Celta Fortuna non baixou o ritmo e seguiu xerando perigo. Hugo González, Capde e Óscar Marcos contaron con ocasións claras, pero o VAR foi protagonista en dous momentos decisivos: primeiro, anulando un penalti sinalado sobre Pablo Gavián, e pouco despois, invalidando un gran gol de Luis Bilbao por unha falta previa.
A pesar de todo, o filial celeste non baixou os brazos e continuou levando a iniciativa fronte a un Guadalajara máis replegado, que buscaba as súas opcións ao contragolpe. Pero, cando os visitantes xa xogaban cun menos, o fútbol quixo ser cruel e, no minuto 88, Ablanque cabeceou á rede un balón prolongado tras un córner adiantando aos alcarreños no marcador.
Un tanto que supoñía un xerro de auga fría para os pupilos de Fredi, os que nin sequera o empuxe final nin un disparo ao traveseiro de Óscar Marcos puideron reverter un resultado que non fai xustiza ao bo partido que asinaron.
Un final demasiado cruel pero que non embaza a gran actuación dos celestes que deixaron moi boas sensacións sobre o terreo de xogo e que reflicte a súa identidade, a súa ambición e os moitos argumentos que teñen para seguir crecendo.
Próxima cita: o sábado, 13 de setembro ás 18:30h., ante o AD Mérida no Estadio Romano José Fouto.
FICHA TÉCNICA:
Celta Fortuna: Coke; Anxo Rodríguez, Pablo Meixús, Joel López; Pablo Gavián (Iago Barreiros, min. 90), Hugo Burcio (Milla, min. 90), Capdevila (Dela, min. 74), Ángel Arcos; Hugo González, Álvaro Marín (Bernard Somuah, min. 61) e Óscar Marcos (Luis Bilbao, min. 74).
CD Guadalajara: Zarco, Ablanque, Pablo Rojo, Neskes (Méndez, min. 61), Cañizo, Tavares (Calvo, min. 90), Miguel Cera, Gil (Mendes, min. 61), Martínez, Borja Díaz (Eulate, min. 73) e Casado.
Gol: 0-1, min. 88: Ablanque.
Árbitro: Alexandre Román. Expulsou por dobre amarela ao visitante Cañizo (min. 83). Mentres do Celta Fortuna, foron amoestados Adrià Capdevila e Joel López. Do CD Guadalaxara, viu amarela Julio Martínez.
Incidencias: Partido da segunda xornada de Primera Federación disputado no Estadio de Barreiro.