O Celta Fortuna logrou un empate moi traballado este domingo en Abanca Balaídos. Un punto moi valioso ante unha Ponferradina que, asentada nos postos altos da clasificación, trataba de evitar o tropezo.
O conxunto de Fredi Álvarez arrincaba o encontro con pouca convicción no xogo, incapaz de atopar os espazos e xerar ocasións de perigo, mentres que a Ponfe mostrábase máis sólida defensivamente pero igualmente lonxe de inquietar a portería de Marc Vidal.
Con todo, a segunda metade foi completamente distinta. O Celta Fortuna saltou ao terreo de xogo con outra actitude, mostrando máis dinamismo e buscando o balón con máis profundidade. Pero no minuto 50, Yeray puxo por diante no marcador ao conxunto visitante tras un tiro libre directo. Un tanto que, a pesar de ser inesperado, non fixo efecto no ánimo do filial celeste que reaccionou rápido e, aos poucos, foi facéndose co dominio do partido e sometendo aos de Javier Rey.
Pouco despois, Fredi Álvarez comezou a mover o banco con Pablo Gavián e Angelito Arcos que, recentemente chegado da convocatoria coa Selección Española Sub-19, foi unha auténtica revolución no campo. Uns cambios cos que o Fortuna comezaba a chegar con maior frecuencia á área rival, mostrando máis ambición e xerando moito máis perigo nas súas accións. Unha persistencia que daría os seus froitos no minuto 65 cando Jordi Escobar, tras unha gran asistencia de Óscar Marcos ao espazo, batía ao porteiro rival para establecer as táboas no marcador. Un empate que daba aire á contenda e que obrigaba a arriscar a ambos os conxuntos para facerse cos tres puntos. A oportunidade máis clara para os celestes tívoa Tincho pero a fortuna non estivo do seu lado e o gardameta rival terminou neutralizando o ataque. Os últimos minutos do partido foron un acoso e derribo constante do filial celeste á portería contraria pero finalmente o encontro pechábase cun valiosísimo empate.
Desta maneira, o Celta Fortuna suma un novo punto na competición e continúa consolidando o seu crecemento nun partido no que tiveron participación ata sete xogadores en idade xuvenil. O seguinte reto para os de Fredi Álvarez será o vindeiro domingo, 9 de marzo ás 12:00h., cando se enfrontarán ao FC Andorra no Estadio Nacional de Andorra.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Tincho, Yoel Lago, Gael Alonso, Iván Garriel (Hugo Burcio, min. 77); Andrés Antañón (Manu Fernández, min. 77), Miguel Román, Jaime Vázquez (Pablo Gavián, min. 59), Óscar Marcos (Iago Barreiros, min. 82); El-Abdellaoui (Angelito, min. 59) e Jordi Escobar.
1 – SD Ponferradina: Andrés Prieto; Carrique, Ger Nóvoa (Borja Fernández, min. 85), Andújar, Lancho, Álvaro Ramón (Andoni, min. 85); Yeray (Mula, min. 85), Doué, Markel, Bustos (Ernesto, min. 77) e Cortés (Borja Valle, min. 68).
Goles: 0-1: Yeray Cabanzón (min. 51). 1-1: Jordi Escobar (min. 65).
Árbitro: Álvaro López Parra. Por parte do Celta Fortuna, mostrou cartón amarelo a Gael Alonso e a Hugo Burcio. Mentres que do conxunto visitante foron amoestados Doué e Markel.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 26 do Grupo I de Primera Federación versus e-Learning disputado en Abanca Balaídos.