
O Celta Fortuna rescatou un punto en O Espiñedo ante o CD Arenteiro no tempo de desconto, nun encontro no que non conseguiron estar de todo cómodos e no que o conxunto local fixo méritos para levarse a vitoria.
A primeira metade foi claramente favorable ao equipo dirixido por Juanfran. O Arenteiro dominou o xogo, foi máis intenso nos duelos e atopou con facilidade o camiño cara á área rival. Ese dominio traduciuse no 1-0 no minuto 19, cun tanto de Jordán Sánchez. Lonxe de conformarse, o conxunto ourensán continuou xerando ocasións claras, pero atopouse co muro de Coke Carrillo.
Unha primeira metade complicada para o Celta Fortuna que apenas tivo presenza ofensiva e mostraba dificultades para superar a presión local. O partido esixía cambios e Fredi Álvarez así o fixo. O canteirán Ángel Arcos entraba ao terreo de xogo disposto a revolucionar a banda e, aos poucos, conseguiu a reacción celeste.
Tras o descanso, o filial aumentou a súa presenza en campo rival e, sen dominar con claridade, si logrou equilibrar o xogo que se transformou nun exercicio de resistencia en busca de igualar o marcador. Nese contexto, Angelito asumiu protagonismo, achegando desborde e precisión no último terzo. O empate chegaría no minuto 93 cando o mozo do Rosal puxo un centro medido desde a banda que atopou o remate de Bernard Somuah, que bateu de cabeza ao gardameta local para establecer o 1-1 no luminoso. Un gol que castigaba a falta de contundencia do Arenteiro e premiaba a insistencia dos celestes. E puido haber tempo para máis porque, na acción inmediatamente posterior ao empate, o Fortuna dispuxo dunha contra con superioridade numérica que puido culminar a remontada pero Ángel Arcos non acertou na definición.
Un punto in extremis para o filial celeste que a próxima xornada recibirá en casa ao Bilbao Athletic, o domingo 29 de marzo ás 12.00 horas.
FICHA TÉCNICA:
1 – CD Arenteiro: Diego García, Jordan, Lohr, Eliseo, Lasure, Brais Val, Bastida (Dani González, min. 91), Kandoussi (Antonio Molina, min. 74), Ferreiro (Chuca, min. 81), Diego Moreno e Mingo (Adilson, min. 91).
1 – Celta Fortuna: Coke Carrillo, Anxo Rodríguez, Pablo Meixús (Ángel Arcos, min. 34), Jaime Vázquez, Pablo Gavián, Khayat, Capdevila (Hugo Burcio, min. 72), Joel López (Oliveras, min. 80), Kibet (Bernard Somuah, min. 46), Hugo González e Álvaro Marín (Jorge Pérez, min. 80).
Goles: 1-0, min. 18: Jordan Sánchez. 1-1, min. 93: Bernard Somuah.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 29 de Primera Federación versus e-Learning disputado no estadio de O Espiñedo (O Carballiño).