O equipo foi recibido no aeroporto polo presidente Carlos Mouriño
Tras vencer ao Corinthians na quenda de penaltis, o Celta Infantil B regresou hoxe a Vigo coa terceira praza no prestixioso torneo internacional de Gyeongju, onde, ademais de mellorar o rexistro alcanzado na súa anterior participación, obtivo tamén o premio ao mellor xogador do torneo na figura do futbolista celeste Hugo Álvarez.
Durante os 7 días que durou a súa estancia en Corea, os xogadores gozaron dunha emocionante experiencia enfrontándose a rivais de nivel internacional como o Benfica e o Rácing de Avellaneda. Á súa chegada ao aeroporto foron recibidos polo Presidente do Club, Carlos Mouriño, quen lles felicitou polo seu desempeño durante o torneo.
A nivel institucional, este torneo propiciou a firma dun importante convenio internacional de colaboración entre a Federación Coreana de Fútbol e o Real Club Celta de Vigo, que afianza as relacións entre ambas as institucións e fomenta a colaboración en formación de futbolistas de ambos os países.
Para o Real Club Celta e a súa Fundación trátase dunha experiencia moi valiosa como ferramenta formativa e de difusión internacional da imaxe do club e do seu proxecto de canteira.