20260503_AdriPartido_CELTAvsELCHE_-6
A Canteira

O celtismo aplaude o talento dunha canteira que non deixa de medrar

RC Celta

A canteira celeste foi protagonista en Abanca Balaídos, nunha tarde na que o celtismo volveu demostrar o seu orgullo polo traballo de base. Durante o descanso do encontro fronte ao Elche CF, correspondente á xornada 34 de LaLiga EA Sports, o estadio rendeu unha merecida homenaxe a varios dos seus equipos formativos.

Sobre o céspede, os xogadores e xogadoras de As Celtas Sporting, Celta Xuvenil A e Celta Xuvenil B recibiron o aplauso da afección tras asinar unha tempada sobranceira, coroada cos títulos de Terceira Federación feminina, División de Honra Xuvenil e Liga Nacional Xuvenil.

Xunto aos seus técnicos, David Ferreiro, Alberto Suárez e Juan Recondo, respectivamente, os equipos desfilaron desde a esquina de Marcador con Río ata situarse fronte á bancada de Tribuna. Alí, a presidenta do Celta, Marián Mouriño, o director de fútbol do club, Marco Garcés, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, fixeron entrega dos trofeos nun acto sinxelo pero cargado de simbolismo.

O recoñecemento puxo en valor o crecemento dunha canteira que continúa consolidándose como un dos grandes piares do club. Un traballo constante e cheo de personalidade que xa ofrece resultados e que invita a mirar ao futuro con ilusión. Porque máis alá dos títulos, a canteira celeste segue construíndo identidade, talento e sentimento. Un motivo de orgullo para todo o celtismo e un espello no que mirarse máis alá dos muros da Madroa.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Novas canteira

Noticias recomendadas