WhatsApp Image 2025-05-04 at 21.30.33
A Canteira

O filial celeste cambia o guion e asina un segundo acto maxistral | Celta Fortuna 3-0 Osasuna Promesas

RC Celta

O Celta Fortuna desatou a súa mellor versión ante o Osasuna Promesas tras unha intensa segunda parte na que logrou pasar das táboas ao 3-0. Miguel Román, que asinou o seu primeiro dobrete en liga profesional, e Johan Guedes deron o triunfo aos celestes nun partido que comezou parello e terminou con goleada.

O Celta Fortuna arrincou o partido mellor plantado, marcando o ritmo con posesións longas e controladas, pero co paso dos minutos o Osasuna Promesas logrou atopar o seu sitio e o choque tornouse aberto, con algunha tímida ocasión que non chegou a porto. Tincho e Sixtus probaron desde o fío da área sen éxito, e a pesar dalgunha arrancada momentánea, os porteiros apenas tiveron traballo. Pouco máis que unha falta perigosa a favor do Fortuna e un susto, con Sixtus quedando só ante Coke Carrillo, viu a bancada antes de que os xogadores desfilasen a vestiarios despois dunha primeira metade adormecida.

Tras o descanso, o partido cambiou de pel. O ritmo acelerouse, os espazos apareceron e os porteiros pasaron de espectadores a protagonistas. O Osasuna deu o primeiro aviso cunha chegada temperá, pero o Celta Fortuna respondeu de inmediato cunha ocasión clarísima que se estrelou no pau. O intercambio de golpes seguiu ata que, no minuto 67, Miguel Román rompeu o equilibrio cun espectacular gol tras asistencia de Hugo González. Este tanto acendeu ao equipo local, e cambiou o rumbo do partido. Xa que pouco paso para que o propio Miguel Román volvese golpear, esta vez tras unha acción individual que asinou cun disparo seco desde a frontal. O 2-0 levou ao Fortuna a ter sede de máis e rematar a faena no tramo final co terceiro, obra de Johan Guedes, recentemente ingresado ao campo.

Con esta goleada, os de Fredi Álvarez selan virtualmente a permanencia e afrontan con optimismo o seu próximo duelo contra o Amorebieta a domicilio, que terá lugar o domingo 11 de maio ás 12:00h.

FICHA TÉCNICA:

3 – Celta Fortuna: Coke; Gael Alonso, Meixús, Manu Fernández; Gavián (Sergio Díez, min 79), Burcio (Dela, min 46), Miguel Román, Garriel (Ángel Arcos, min 46); Tincho, Hugo González (Johan Guedes, min 79) e Óscar Marcos (Barreiros, min 90).

0- Osasuna Promesas: Stamatakis, Diego Moreno, Toni Herrero, Garriz, Lumbreras (Arroyo, min 71), Osambela (Pedroarena, min 71), Xabi (Santos, min 82), Sixtus (Noel López, min 78), Espejo, Jon García (Sancho, min 78) e Sierra.

Goles: 1-0, min 66: Miguel Román. 2-0, min 81: Miguel Román. 3-0, min 91: Johan Guedes.

Árbitro: Cueto Amigo. Mostrou cartón amarelo a Burcio, Manu Fernández e Ángel Arcos por parte do Celta Fortuna e aos visitantes Xabi, Osambela e Diego Moreno.

Incidencias: Partido correspondente á trigésimo cuarta Xornada de Primeira Federación disputado en Abanca Balaídos.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Celta Fortuna Novas canteira Novas celta b

Noticias recomendadas