O Celta Fortuna celebra o seu particular Clásico en casa e dáse un baño de goles dominando o partido de principio a fin.
Os de Fredi Álvarez comezaron o encontro presionando alto e bastáronlle tan só 3 minutos para avisar á Gimnástica Segoviana de que tiñan fame de vitoria. Facíao Tincho, tras unha longa xogada, cun disparo raso que atrapaba Carmona. Aos poucos os celestes ían acorralando ao cadro segoviano cun man a man entre Johan Guedes e Fer López que poñían constantemente contra as cordas ao gardameta rival. Perdoaba o Celta Fortuna nos primeiros compases do partido nos que non terminaba de afinar a puntería. Sería no minuto 21, cando, tras un saque de esquina, Fer López poñíalle un centro a Dela que este enviaría como un mísil directo ao fondo da rede. Abría o marcador o filial celeste ante unha Gimnástica Segoviana que se ía ao descanso sen apenas ter opcións.
Despois de perdoar demasiadas oportunidades na primeira metade, o Celta Fortuna vía como o rival recortaba distancias tras un erro na saída de balón que aproveitaría Davo para igualar o marcador. Lonxe de virse abaixo, os celestes continuaron coa mesma fortaleza coa que iniciaran o encontro e Johan Guedes volvía ás andadas mandando un novo disparo pegadísimo ao pau. Movía o banco Fredi Álvarez e coa entrada ao terreo de xogo de Jordi Escobar chegaría o segundo gol celeste tras unha combinación con Fer López. Tan só 4 minutos despois, o barcelonés subiría un novo tanto ao marcador aproveitando unha gran asistencia de Óscar Marcos tras unha nova xogada que iniciaba o “22”. No último minuto de partido e cando a vitoria parecía encarrilada, Fer López facía novamente das súas marcando un auténtico golazo desde a frontal da área que primeiro impactaría no traveseiro para terminar fulminando a portería rival.
Importante vitoria para o conxunto celeste que o vindeiro sábado, 2 de novembro ás 16:30, medirase ante o Nàstic de Tarragona no Nou Estadi Costa Daurada.
FICHA TÉCNICA:
4 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Sergio Díez (min. 83, Pablo Gavián), Gael Alonso (min. 76, Pablo Meixús), Yoel Lago, Manu Fernández, Tincho; Miguel Román, Dela (min. 83, Andrés Antañón); Fer López, Óscar Marcos (min. 76, Ángel Arcos) e Johan Guedes (min. 63, Jordi Escobar).
1 – Gimnástica Segoviana: Carmona; Hugo Marcos (min. 46, Silva), Abel, Sergi Molina (min. 11, David López), Palmero; De la Mata, Llorente (min. 63, Ferrán Ferreiroa), Hugo Díaz (min. 63, Borrego); Berlanga, Tellechea (min. 63, Manu) e Davo.
Goles: 1-0, m. 21: Dela. 1-1, m. 57: Davo. 2-1, m. 69: Jordi Escobar. 3-1, m. 74: Jordi Escobar. 4-1, m. 94: Fer López.
Árbitro: Roberto Gonzalo Sánchez (Comité Castela e a Mancha). Por parte do Celta Fortuna, viron amarela Gael Alonso e Yoel Lago. Mentres que da Gimnástica Segoviana foron amoestados Hugo Díez, Fer Llorente e Berlanga.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 10 do Grupo I da Primeira Federación versus e-Learning disputado no estadio Abanca Balaídos ante 1.000 espectadores.