O Celta Fortuna perdeu por 2-0 fronte á Cultural Leonesa no Reino de León. Un tanto de Pibe na primeira parte e outro de Manu Justo na segunda metade deron a vitoria aos locais na Xornada 25 da Primeira Federación. A pesar de que o peso do xogo recaeu no Fortuna, a Cultural impuxo un dominio total nas áreas que, sumado a unha defensa ben asentada e a un Miguel Bañuz imbatible, logrou frear os intentos celestes.
O primeiro tempo arrincou cunha Cultural decidida que pouco tardaría en chegar á área rival para abrir o marcador. Faríao no minuto 9, cando Pibe executou un potente disparo que sorprendeu a Marc Vidal, quen non puido evitar que o balón, tras tocar as súas mans, cruzase a liña de meta. A pesar deste temperán golpe, o filial celeste foi tomando o control do xogo e, aos poucos, logrou exercer presión real en campo contrario. Con todo, as ocasións seguían sen concretarse e o marcador mantívose 1-0 ao descanso.
Á volta de vestiarios, o Fortuna envorcouse ao ataque en busca da igualada. O primeiro en tentalo sería Hugo González. A nova fichaxe do filial celeste, estivo preto de empatar cun potente tiro que terminou nunha gran intervención de Miguel Bañuz. Esta sería unha das moitas accións nas que o gardameta local sería decisivo, xa que durante os seguintes minutos, os celestes insistiron contundentemente no seu procura particular. Pero, o fútbol é impredicible e, máis por pegada que por merecemento, sería a Cultural quen lograría ver portería. Manu Justo aproveitou un man a man con Marc Vidal para asestar o 2-0. Este tanto do vigués e exxogador celeste pecharía o resultado ante os esforzos dos de Fredi Álvarez, revalidando o dominio local en ambas as áreas e deixando os puntos en casa do actual líder da competición.
O máis destacado da visita ao Reino de León foi a reaparición do celeste, Joel López, quen regresou aos terreos de xogo tras unha longa ausencia por lesión. Sen dúbida, un escintileo de alegría para o cadro filial e para o club dentro do resultado do encontro. Parabéns, Joel!
Agora, o Celta Fortuna céntrase no seu próximo desafío contra a Ponferradina, partido que terá lugar en casa o domingo 2 de marzo ás 18:00h e no que buscará regresar á senda da vitoria.
FICHA TÉCNICA:
2 – Cultural Leonesa: Miguel Bañuz, García, Satrústegui, Fornos, Kevin Presa (Artola, min 82), Manu Justo (Rodri, min 82), Luis Chacón, Bicho (Barri, min 67), Álvaro, Antón Escobar (Maestre, min 59) e Pastoriza, “Pibe” (Calderón, min 67).
0 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Gael Alonso, Yoel Lago, Garriel; Sergio Díez (Joel López, min 56), Miguel Román, Antañón (Escobar, min 74), Tincho; Hugo González (Johan, min 74), Óscar Marcos (Barreiros, min 85) e Ángel Arcos (Burcio, min 56).
Goles: 1-0, min 9: Pastoriza. 2-0, min 66: Manu Justo.
Árbitro: Morilla Turrión (Comité Navarro). Cartón amarelo para os locais Satrústegui e Manu Justo.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada número 25 de Primeira Federación disputado no Reino de León ante ao redor dunos sete mil espectadores.