WhatsApp Image 2025-10-11 at 20.45.17
Celta b

O filial celeste perdoa, loita e suma en Barreiro | Celta Fortuna 0-0 Ourense CF

RC Celta

O Celta Fortuna non puido pasar do empate ante o Ourense CF en Barreiro, nun partido igualado, intenso e con máis ocasións ca acerto. O filial celeste tivo a oportunidade máis clara desde os once metros, pero o gol nunca chegou.

Dende o inicio, os de Fredi Álvarez saíron con personalidade, buscando o control e a área rival. Hugo González e Óscar Marcos asinaron as primeiras chegadas, pero atopáronse cun inspirado Álvaro Ratón, que foi clave durante todo o encontro.

O Ourense non se quedou atrás. Soubo aproveitar os seus momentos con velocidade pola banda e perigo a balón parado, obrigando tamén a intervir a Coke Carrillo. A primeira metade foi un intercambio constante, con moito ritmo e poucas pausas.

Na segunda parte, a balanza inclinouse un pouco máis do lado celeste. O Fortuna apertou, gañou metros e contou con varias ocasións claras. Antañón rozou o gol cun potente disparo que se estrelou no longueiro e, pouco despois, chegou a mellor oportunidade do partido a través dun penalti a favor tras revisión do VAR. Hugo González asumiu a responsabilidade, pero Álvaro Ratón adiviñou o lanzamento e detivo tamén o rexeite.

O treito final foi un auténtico asedio do Fortuna, que non deixou de tentalo. Mesmo con un menos pola expulsión de Hugo Burcio, o equipo mostrou carácter ata o último minuto.

A pesar de non sumar os tres puntos, o encontro deixa sensacións positivas e motivos para o optimismo. Entre eles, a gran masa de celtistas que se desprazou a Barreiro para apoiar ao filial e o debut oficial de Cristian Carro, xogador do xuvenil, que se estreou cos pupilos de Fredi Álvarez nos compases finais e asinou unha tarde especial para a canteira celeste. Agora, o Fortuna xa pon a mirada no próximo reto: visitar ao CD Lugo nun novo derbi galego.

FICHA TÉCNICA:

0 – Celta Fortuna: Coke; Anxo, Meixús, Joel López; Gavián (Milla, min 70), Capdevila (Burcio, min 56), Antañón, Ángel Arcos (Bilbao, min 90); Hugo González (Carro, min 90), Álvaro (Tarba, min 56) e Óscar Marcos.

 0 – Ourense CF: Álvaro Ratón, Hugo Sanz, Carmona, Prado, Amín, Jerin (Camus, min 64), Jelbat, David Muñoz (Castillo, min 64), Omar (Aranzabe, min 79), Guerrero (Punzano, min 64) e Yuste (Moreno, min 33).

Árbitro: Pedro Oreiro. Expulsou con cartón vermello directo a Burcio (min 95) e mostrou cartón amarelo a Capdevila por parte dos locais e a Yuste, Jerin, Hugo Sanz, Omar e Amin por parte dos visitantes.

Incidencias: partido correspondente á séptima xornada de Primeira Federación disputado en Barreiro ante 945 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna Novas celta b

Noticias recomendadas