Un 2-2 no campo do Arenas serve para alcanzar un merecido ascenso. Noraboa canteiráns!
RESUMO E MENSAXE DO PRIMEIRO EQUIPO EN CELTA TV
O Celta B regresa á Segunda División B. Un ascenso merecido á vez que sufrido. Os vigueses colleitaron un 2-2 no campo das Areas que foi suficiente tras o empate sen goles da ida, disputada en Barreiro
O encontro arrincou cun aviso do Areas, un disparo desde fóra da área que Rubén despexou cunha boa estirada. O Celta B reaccionou ao momento e en cuestión de minutos elevou a intensidade do seu xogo cun Levy Madinda en estado de graza.
Aos 7 minutos o futbolista gabonés recolleu un balón en mediocampo, pasou a Camochu e saíu disparado cara á área local. O dianteiro asturiano buscou a Levy dentro da área e, tras tocar o balón na zaga vasca, o centrocampista recibiu, revolveuse e bateu a Txemi por abaixo.
Tras o temperán tanto de Levy, o Celta B continuou acaparando o esférico, aínda que sen efectividade no ataque. O Areas non arriscaba demasiado e agardaba con paciencia unha oportunidade para igualar o marcador.
No minuto 24 Antón cedeu o balón a Santi Mina, que o recibiu situado en banda esquerda. O dianteiro desfíxose da súa marcaxe e avanzou con velocidade cara á área local. Tras regatear á defensa do Areas, o atacante galego rematou con precisión para pór o 0-2. Gol de extrema calidade que apoia as esperanzas que o celtismo ten depositadas neste novo futbolista.
Case sen tempo para celebracións o Areas recortou distancias. Saque de esquina que remata a gol o capitán dos vascos, Imanol. Corría o minuto 23 e o equipo local parecía reaccionar cunha afección entregada que empurraba aos seus xogadores desde a bancada.
O partido chegou ao descanso cun susto para os celestes. Kevin quedou tendido sobre o céspede tras un choque de cabezas cun rival. O xogador celeste puido reincorporarse ao terreo de xogo sen complicacións.
A pesar de que a superioridade viguesa parecía aumentar tras a continuación, foi o Areas de Getxo o equipo que atopou o gol. No minuto 55 Valero puxo as táboas no marcador, resultado suficiente para o Celta B pero que permitía aos locais aspirar ao ascenso ata o último minuto.
Santi Mina mostrábase moi activo e versátil no ataque celeste, pero o 2-3 que sentenciaría a eliminatoria non se materializaba. No minuto 63 un choque entre Víctor Vázquez e Pereda acabou con ambos os futbolistas tendidos sobre o céspede. Os xogadores foron atendidos polas asistencias médicas en banda, pero Pereda non chegaría a reincorporarse ao terreo de xogo ao ver o segundo cartón amarelo.
As Areas quedaba cun home menos. Pichi Lucas deu a entrada a Rubén Martínez por Camochu e Santi Mina situouse na punta do ataque vigués. As oportunidades comezaron a escasear conforme avanzaba o cronómetro. O cansazo lóxico tras un gran desgaste físico pesaba por igual en ambos os equipos.
O partido finalizou con moita tensión, algún susto para os celestes e máis de cinco minutos de tempo engadido. O fútbol foi xusto nesta ocasión e o Celta B conseguiu un 2-2 no Gobela que lle devolve á Segunda División B. Un ascenso moi merecido que reafirma a aposta polo fútbol base.
O club felicita aos xogadores e o corpo técnico por unha tempada de entrega, esforzo e traballo que se culmina con este ansiado regreso á categoría de bronce. Parabén canteiráns!
FICHA TÉCNICA
2-Arenas: Txemi, Gurtu, Pereda, Ramos, Alzola, Txopi, Imanol, Zumalakarregui (Martín, min.45), Goiría (Rober, min.67), Asier Valero e Murci
2-Celta B: Rubén, Kevin, Víctor Vázquez, David Costas, Maceira, Antón, Madinda, Borja, Santi Mina (Thaylor, 91), Camochu (Rubén Martínez, min.67) e Añón (Aitor, min.80)
Goles: Madinda, 0-1 (min.7); Santi Mina, 0-2 (min.23); Imanol, 1-2 (min.24); Asier Valero, 2-2 (min.53)
Árbitro: amonestou a Añón, Camochu, Txopi. Expulsou a Pereda con dobre cartón amarelo (min.65)
Campo: Polideportivo La Gobela (1.300 espectadores)
*Foto: Diego Pérez