F1
Celta Fortuna

O filial celeste respira cun triunfo vital no Espiñedo | CD Arenteiro 1-2 Celta Fortuna

RC Celta

O Celta Fortuna dá un paso adiante e afástase da mala xeira na que se atopaba inmerso o equipo nos últimos encontros. E é que xa son dúas as vitorias que encadea o filial celeste, e ambas as a domicilio, ante rivais moi competitivos que se atopan en plena loita por entrar en postos de promoción. Sen dúbida, unha boa dinámica para afrontar con plena confianza o tramo final da tempada.

Ás 19:00h. arrincaba no Espiñedo o derbi galego que enfrontaba ao conxunto de Fredi Álvarez co CD Arenteiro. Un partido de altos voos que mantivo a tensión e a intensidade desde o minuto un. O técnico celeste apostou por unha formulación plenamente ofensiva pero que, nos primeiros compases, non terminaba de xerar o perigo desexado, dando certa vantaxe ao conxunto local que ía tomando a dianteira e dominando o balón. Co paso dos minutos, o Celta Fortuna foi ordenando as súas ideas e, nunha das súas primeiras oportunidades na área rival, asestou o primeiro golpe. Jordi Escobar aproveitaba un pase preciso de Tincho para rematar na portería de Diego García e adiantar aos celestes no minuto 22. Un tanto que sementou dúbidas entre o Arenteiro mentres que deu ás ao Celta Fortuna que tivo varias ocasións claras, como un disparo de Miguel Román que rozaría o pau e co que mesmo poderían aumentar a súa vantaxe antes do descanso.

A segunda metade comezou tal e como quedara a primeira 15 minutos antes, o filial celeste dominaba e acurralaba á zaga local na súa área. Tal foi así, que tan só dous minutos despois do seu inicio, Hugo Gonzalez poñía o 0-2 no marcador. A partir dese momento e xa con maior tranquilidade, o Celta Fortuna trataba de xestionar con certa intelixencia unha vantaxe moi traballada, contrarrestando o xogo directo do Arenteiro. Un esforzo que parecía cambalearse cando, no minuto 69, Martín Solar acurtaba distancias anotando o tanto local.

Co 1-2 no marcador, o partido converteuse nunha auténtica pota a presión e ambos os conxuntos aumentaron a súa intensidade ata tal punto que o gardameta local terminaría sendo expulsado nos minutos finais. Unha auténtico tira e afrouxa entre dous equipos que querían a vitoria e que pelexaron ata o último suspiro. Tras 7 minutos de tempo engadido, o árbitro pitaba o final dun encontro no que o Celta Fortuna lograba selar unha importante vitoria para sumar tres puntos máis na clasificación cos que seguir afastándose dos postos de abaixo.

Agora, os celestes teñen a vista posta no seu próximo compromiso ante o Barcelona Athlètic que visitará Abanca Balaídos o vindeiro venres, 4 de abril, ás 20:30h.

FICHA TÉCNICA: 

1 – CD Arenteiro: Diego García, Jordan (Cuéllar, min. 61), Borge, Mangel, Iano (Simón Luca, min. 87), Martín Solar, Tarsi (Curro, min. 6), Enol, Ferreiro (Luis Fernández, min. 87), Pascu e Baselga.

2 – Celta Fortuna: Coke, Yoel Lago, Hugo Burcio, Jaime Vázquez (Iván Garriel, min. 67), Pablo Gavián (Sergio Díez, min. 72), Andrés Antañón, Miguel Román, Tincho, Hugo González (Joel López, min. 87), Óscar Marcos (Angelito, min. 67) e Jordi Escobar (Johan Guedes, min. 87).

Goles: 0-1, Jordi Escobar (min. 22). 0-2, Hugo González (min. 47). 1-2, Martín Solar (min. 69).

Árbitro: Román Román (comité de Castela León). Amoestou con vermella directa a Diego García, porteiro do Arenteiro, no minuto 96.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 30 do Grupo I de Primera Federación versus e-Learning disputado no estadio do Espiñedo (Carballiño).

RC Celta

Etiquetas

Celta Fortuna

Noticias recomendadas