WhatsApp Image 2025-04-27 at 21.29.22
A Canteira

O filial celeste responde a tempo no Ruta de La Plata e estende a súa boa dinámica | Zamora CF 1-1 Celta Fortuna

RC Celta

O Celta Fortuna continúa con paso firme neste tramo final de tempada. O equipo dirixido por Fredi Álvarez sumou un novo punto na súa visita ao Ruta de La Plata, tras empatar (1-1) fronte ao Zamora CF nun encontro moi disputado. Con este empate, o filial celeste encadea a súa sexta xornada consecutiva sen coñecer a derrota.

O partido comezou con ritmo alto e ocasións desde os primeiros minutos. Tincho avisou moi pronto cun disparo que obrigou a reaccionar ao Zamora, que respondeu con dúas chegadas claras, unha delas moi perigosa de Tresaco. A partir de aí, o duelo equilibrouse, con fases de dominio alterno que levaron o encontro ao descanso, con empate e sen goles; un marcador reflicto do visto sobre o terreo de xogo.

Na segunda metade, os locais adiantáronse no 71′ grazas a un gol de José Carlos, tras unha xogada nada dun saque de esquina e varios rexeites. O tanto deu impulso ao Zamora, que apertou durante os seguintes minutos, pero o Fortuna non baixou os brazos e atopou a súa recompensa no tramo final. Foi no minuto 84 cando Hugo González asinou o empate tras unha gran acción colectiva. A xogada naceu por banda dereita, con participación de Tincho, Arcos e Gavián, e acabou cun remate alto do atacante celeste, que bateu a Fermín e subiu o 1-1 definitivo ao luminoso.

Un punto traballado que permite ao Celta Fortuna seguir sumando e manter a súa boa dinámica. O próximo reto será en casa, o domingo 4 de maio ás 19:00h, onde os celestes tratarán de alongar esta serie positiva ante o Osasuna B.

FICHA TÉCNICA:

1 – Zamora CF: Fermín; Campabadal (Guille, min 68), Bolo, José Carlos, Nieto; Clavería (Joel Priego, min 68); Rufo, Kike, Ramos (Frimpong, min 88), Tresaco (Romero, min 88); e Pito Camacho (Roni, min 55).

1 – Celta Fortuna: Coke; Gael Alonso, Meixús, Joel López (Manu, min 59); Sergio Díez (Gavián, min 85), Miguel Romá, Burcio (Antañón, min 59), Garriel (Escobar, min 76); Tincho, Hugo González e Óscar Marcos (Ángel Arcos, min 76).

Goles: 1-0, min 71: José Carlos. 1-1, min 84: Hugo González.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Celta Fortuna Novas canteira Novas celta b

Noticias recomendadas