O Celta Fortuna continúa imparable e suma a súa cuarta vitoria consecutiva, terceira a domicilio, ao impoñerse cunha tremenda remontada ante a Gimnástica Segoviana.
Ambos os conxuntos chegaban ao encontro coa necesidade de sumar os tres puntos para poñer distancia coa parte baixa da táboa e o primeiro en golpear foi o equipo local. No minuto 27, Farrel anotaba o tanto rival que caería como un xarro de auga fría para os de Fredi Álvarez que, en lugar de virse abaixo, mostráronse cada vez máis seguros e competitivos sobre o terreo de xogo e foron facéndose co dominio. Unha reacción que se transformaría en gol ao fío do descanso cando Sergio Díez devolvía as táboas ao marcador.
Na segunda parte, o filial celeste despregábase en ataque demostrando a súa ambición e acurralando cada vez máis ao conxunto local na súa área. Sería no minuto 59 cando Gael Alonso remataba de cabeza un centro lateral para adiantar ao Fortuna no marcador e, a partir de aí, poder xestionar o partido con outra perspectiva. Un tanto que, pola contra, acendía a liña ofensiva da Gimnástica que o tentou, especialmente nos minutos finais, pero o despregamento defensivo do Celta Fortuna, unido á actuación de Coke, disiparon calquer susto. Precisamente nese momento de maior ambición local, Jordi Escobar aproveitaba unha contra para anotar o terceiro e sentenciar o encontro.
Unha importante remontada a domicilio que amosa o bo estado de forma no que se atopa o filial celeste que xa suma 45 puntos e escala ata a 7º praza da clasificación. O próximo rival no calendario será o Tarazona que visitará Abanca Balaídos o vindeiro domingo, 20 de abril, ás 19h.
FICHA TÉCNICA:
1 – Gimnástica Segoviana: Oliva; Silva (Hugo Marcos, min. 4) (Gómez, min. 66), Molina, López, Céspedes (Astray, min. 82); Llorente, De la Mata, Fernán Ferreiroa (Telletxea, min. 66); Berlanga, Farrell e Borrego (Hugo Díaz, min. 66).
3 – Celta Fortuna: Coke; Gael Alonso, Yoel Lago, Manu Fernández; Sergio Díez (Iván Garriel, min. 75), Miguel Román, Hugo Burcio (Jaime Vázquez, min. 86), Joel López (Jordi Escobar, min. 46); Tincho, Hugo González (Johan Guedes, min. 75) e Ángel Arcos (Andrés Antañón, min. 63).
Goles: 1-0, min. 26: Farrell. 1-1, min. 45+1: Sergio Díez. 1-2, min. 58: Gael Alonso. 1-3, min. 90+5: Jordi Escobar.
Árbitro: Velasco Arbaiza. Polo Celta Fortuna, viron cartón amarelo Gael Alonso e Johan Guedes. Mentres que, da Gimnástica Segoviana, foron amoestados tamén con tarxeta amarela Llorente e Céspedes.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 32 de Primera Federación versus e-Learning disputado en La Albuera.