20240825_CeltaFortunaVSBarakaldo_PiruletaVermella_-202
A Canteira

O Fortuna estrea o curso con empate en Abanca Balaídos

RC Celta

O Celta Fortuna comezou a tempada 2024/2025 cun empate en Abanca Balaídos ante o recentemente ascendido Barakaldo CF (2-2).

Un filial celeste repleto de novas promesas estreou o curso cun encontro que se puxo para os poucos minutos. Apenas chegaba a afección á bancada cando Johan Guedes, un das fichaxes deste verán, estreouse como goleador en partido oficial (1-0). O dominio celeste non tardou en traducirse noutro gol, esta vez obra do central Manu Fernández, quen aproveitou un pase de cabeza de Gael Alonso para rematar con precisión e subir o 2-0 ao marcador. A 10 do descanso, o cadro de Imanol da Sota, lonxe de renderse, atopou unha físgoa na defensa local que Ekaitz Molina transformou nun potente disparo desde fóra da área, sorprendendo a Marc Vidal e subindo ao luminoso o primeiro tanto na historia do Barakaldo en Primeira Federación. Na segunda metade, Kepa Uriarte logrou o empate cun axustado tiro ao pau que deixou sen opcións ao gardameta celeste. Nos últimos momentos, e a pesar dos esforzos de ambos os equipos por romper a igualdade, o partido terminou en táboas.

Máis aló do resultado, o encontro deixou varias notas positivas para a Celta Fortuna, como o debut de varios mozos canteiráns. Moha e Antañón, aínda en idade xuvenil, tiveron a súa primeira oportunidade nun partido oficial, do mesmo xeito que Iago Barreiros, quen se estreou con tan só 16 anos. Ademais, as fichaxes estivais Johan Guedes, Jordi Escobar, Marc Vidal e Emi Rodríguez tamén debutaron coa camiseta do filial en liga.

Tras sumar o seu primeiro punto da tempada, o Fortuna prepárase agora para o seu próximo compromiso. Os pupilos de Fredi Álvarez xogarán o seu primeiro partido do curso a domicilio ante o Real Unión o domingo 1 de setembro ás 18:00h.

FICHA TÉCNICA:

2 – Celta Fortuna: Marc Vidal; Gael (Meixús, min. 77), Yoel Lago, Manu Fernández; Moha (Sergio Díez, min. 46) , Miguel Román, Antañón (Dela, min. 46), Tincho; Fer López (Barreiros, min. 80), Guedes (Emi, min. 70) e Jordi Escobar.

2 – Barakaldo CF: Unai, De Jesús, Borja García, Aymane, Ekaitz, Pedernales, Huidobro (Vicandi, min. 64), Maroan (Revilla, min. 85), Torre, Pablo (Buján, min. 85) e Kepa Uriarte (Jesús, min. 64).

Goles: 1-0, min. 8: Johan Guedes. 2-0, min. 19: Manu Fernández. 2-1, min. 35: Ekaitz. 2-2, min. 46: Kepa Uriarte.

Árbitro: Francisco García Risco (Comité Asturiano). Mostrou amarelas a Tincho, Miguel Román e Escobar por parte do Celta Fortuna e a De Jesús, Borja García e Maroan, por parte do Barakaldo.

Incidencias: Partido correspondente á primeira Xornada do Grupo 1 de Primeira RFEF, disputado en Abanca Balaídos ante en torno 1.500 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Novas canteira Novas celta b

Noticias recomendadas