
O Celta Fortuna pechou a pretempada cunha nova vitoria, esta vez por 2-0 ante a UD Ourense. Nunha tarde a porta aberta no Campo Municipal de Barreiro, e horas despois do triunfo matinal fronte ao Coruxo FC na Afouteza, os goles de Mateo Sobral e Álvaro Marín puxeron o broche a unha xornada redonda para o filial celeste, que afronta con boas sensacións o inicio da súa aventura en Segunda División.
O partido comezou cun Fortuna levando o peso do xogo ante un rival ben plantado que apenas inquietou a portería de Marcos González. A primeira ocasión clara chegou no minuto 26, cunha chegada en solitario de Álvaro Marín que se marchou fóra por pouco. Pero o premio non tardaría en chegar, xa que dez minutos despois Mateo Sobral asinaría o 1-0 co que os celestes chegaron ao descanso por diante.
Tras o paso polos vestiarios, o Fortuna foi de menos a máis e multiplicou as chegadas á área visitante. Tentárono Gavián, Milla e Capdevila nos primeiros compases, aínda que o segundo tardaría en chegar. Asinouno Álvaro Marín no 72, tras unha boa condución de Joel López e unha gran conexión con Kibet dentro da área. Coa vantaxe ampliada, os cambios refrescaron o equipo no tramo final, no que o gardameta visitante evitou un marcador maior con dúas boas intervencións ante Jorge Pérez-Lafuente e Ángel Arcos.
Este triunfo completa unha dobre sesión de amigables coa que o Celta Fortuna pon punto final a unha pretempada moi positiva, que se pecha cos seguintes resultados:
Celta Fortuna 0-2 Sporting de Gijón
CD Lugo 1-1 Celta Fortuna
Celta Fortuna 3-2 SCU Torreense
Vizela 0-1 Celta Fortuna
Celta Fortuna 3-1 Coruxo FC
UD Ourense 0-2 Celta Fortuna
Agora, os de Fredi Álvarez poñen o foco no seu estreo en LaLiga Hypermotion, nun partido histórico que se disputará o vindeiro sábado 15 de agosto ante o Cádiz CF.
FICHA TÉCNICA:
2 – Celta Fortuna: Marcos González; Pablo Gavián (Iago Barreiros, min. 77), Pablo Meixús, Quique Ribes, Joel López, Milla (Diego López, min. 77); Mateo Sobral (Jorge Pérez, min. 77), Capdevila; Ángel Arcos, Álvaro Marín (Dani Ruiz, min. 77) e Kibet (Cris Carro, min. 77).
0 – UD Ourense: Vizoso; Samu, Labrada, Puime, Gandarillas; Rivelott, Tejón, Mauro; Bastida, Soriano e Ferreiro. Tamén participaron Bruno, Igor, Champi, Varo, Iker, Roi e Dalama.
Goles: 1-0, min. 36: Mateo Sobral; 2-0, min. 72: Álvaro Marín.
Árbitro: Carlos Martínez Fernández. Amosou tarxeta amarela a Capdevila (min. 40) por parte do Celta Fortuna e a Bastida (min. 56), Curro Rivelott (min. 69) e Igor (min. 90) por parte da UD Ourense.
Incidencias: Último encontro amigable da pretempada 26/27 disputado no Estadio Municipal de Barreiro ante 533 espectadores.