O canteirán Iván Villar, quen a pasada tempada xogou cedido no Levante UD, adestrará co primeiro equipo pero terá ficha do Celta B durante a tempada 2018/19. Así o anunciou este venres o adestrador celeste Antonio Mohamed, quen revelou a conversación que mantivo co gardameta galego: «Se queres ir a outro lugar para ser suplente pódelo facer, pero aquí podes competir e ter minutos no filial e adestrar connosco. Entendeuno e aceptou sen problemas», relatou o técnico arxentino na rolda de prensa previa á primeira xornada ligueira.
Ante a baixa por lesión de Rubén Branco, Iván Villar forma parte da convocatoria para o partido deste sábado ante o Espanyol.