Hemeroteca canteira

O primeiro equipo, espello e referente de traballo para a canteira

RC Celta

151125_Repo_Andamio2.jpg

 

O primeiro equipo do Real Club Celta de Vigo e a súa canteira continúan fortalecendo lazos para traballar de maneira conxunta e eficaz na formación de futbolistas. O corpo técnico que dirixe Eduardo Berizzo mostrou desde a súa chegada un interese crecente polo desenvolvemento dos canteiráns celestes. Froito desta unión, e en coordinación co director de canteira, Carlos Hugo García, naceu o ambicioso programa de formación interna chamado “Denominación de Orixe Celta”.

 

Un dos departamentos do club que máis implicado está neste proceso é o de metodoloxía, dirixido por Eduardo Covelo. Trátase dun departamento transversal que traballa desde o Benjamín até o primeiro equipo co obxectivo de establecer dinámicas de traballo relacionadas con todos os aspectos da formación dun futbolista, así como propor un modelo de xogo e unha filosofía de traballo común en todas as fases.

 

Durante as últimas semanas, os técnicos da canteira estiveron realizando gravacións de seguimento dos adestramentos dirixidos por Berizzo. Para Eduardo Covelo o primeiro equipo é un referente: “Hai moitos elementos que se poden aproveitar vendo os seus adestramentos, pero sobre todo sérvenos para ver que fortalezas e que carencias teñen os xogadores que chegan ao primeiro equipo e deste xeito ir mellorando os métodos de adestramento. Así, ao final do proceso, cando un xogador consegue chegar arriba co seu esforzo, poderao facer aínda máis formado”.

 

Doutra banda, asegura que hai cousas que non se poden copiar; “O primeiro equipo é fútbol profesional. Moitas veces están obrigados a cinguirse ao rendemento inmediato, a gañar o seguinte partido. Con todo, en categorías inferiores temos que ter máis calma co proceso formativo dos xogadores”. Por este motivo é imprescindible que os xogadores que están en formación asuman certos riscos no seu xogo para aprender da súa propia experiencia: “Ás veces non serve de nada que se lles diga como han de actuar ante determinada situación, non o aprenden ata que non o experimentan” asegura Covelo.

 

Todo este labor, que se veu intensificando durante os últimos anos e foi o detonante do enorme crecemento da canteira celeste, logrou materializarse nun manual de traballo que representa o modelo de xogo e a filosofía que se defende desde a entidade celeste e que se fai chegar aos adestradores de cada un dos equipos como unha ferramenta máis para o perfeccionamento dos seus futbolistas. Un modelo de canteira cuxo principal referente e obxectivo é o primeiro equipo.

 

O programa “Denominación de Orixe Celta”reforza os cimentos da filosofía e idiosincrasia do Celta e da súa Fundación, que seguen apostando pola canteira como base dun ilusionante proxecto de futuro.

151125_Repo_Andamio.jpg

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas