Subcampión mundial Sub20 con Uruguay, chega cedido polo River Plate uruguayo e con opción de compra
O RC Celta reforza o seu equipo filial coa contratación do lateral zurdo Lucas Olaza (1994, Montevideo), xogador que chega cedido polo CA River Plate de Uruguai por 1 tempada e con opción de compra.
Olaza formouse no conxunto uruguaio CA River Plate, co que debutou na primeira división do país suramericano cando contaba con tan só 18 anos. O xogador acumulou 35 participacións co equipo darsenero nas que anotou 7 dianas, cifras notables tratándose dun defensor. En xaneiro de 2014 Olaza comprometeuse co Atlético Paranaense, co que xogou 11 encontros na Serie A de Brasil.
O prometedor lateral tamén conta con experiencia internacional. En 2013 formou parte da Selección de Uruguai no Mundial Sub-20 de Turquía, un torneo no que os uruguaios se proclamaron subcampións tras caer na quenda de penaltis da final ante Francia.