O RC Celta, a través da súa Fundación, e Pereira Ocean Products, compañía pertencente a Grupo Pereira, unen esforzos para o desenvolvemento do fútbol base en Sudáfrica e contribuír a educar aos mozos nos valores do deporte.
Mediante un acordo asinado esta mañá na caseta de Conxemar por Carlos Mouriño, presidente do RC Celta, e José Enrique Pereira, conselleiro delegado de Grupo Pereira, ambas as entidades comprométense a apoiar e impulsar a labor da escola Celta Academy Evaton. Situada en Evaton, municipio nos arredores de Johannesburgo. A escola está integrada por máis de 200 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 17 anos.
En liña coa súa política de responsabilidade social empresarial e como compañía cunha forte vinculación co país surafricano, Pereira Ocean Products converterase en patrocinador oficial da Celta Academy en Evaton, contribuíndo, entre outros, á mellora das súas instalacións.
Pola súa banda, a Fundación Celta incluirá á Academia de Evaton na súa rede de escolas oficiais en distintas sedes internacionais e proporcionaralle a súa metodoloxía, asesoramento, formación teórica e práctica, así como os equipamentos oficiais necesarios. A Fundación celeste enviará periodicamente a algúns dos seus adestradores a Evaton e recibirá en Vigo a xogadores da Celta Academy Evaton para a continuación da súa formación e educación deportiva.
Tras a firma, o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, destacou que “é impresionante que un empresario vigués e o RC Celta se alíen para levar o nome de Vigo lonxe e para proxectar o fútbol e ese labor social que Pereira está a realizar en países nos que ten presenza”
“Estamos moi satisfeitos e orgullosos, quero expresar o meu agradecemento a Pereira por facer este labor connosco e espero que isto anime a algunhas empresa máis para realizar este tipo de colaboración”, engadiu.
Pola súa banda, José Enrique Pereira quixo resaltar “o enorme labor que realiza o Celta Academy Evaton coa comunidade local á hora de prestar apoio a mozos con escasos recursos e formalos nos valores que achega o fútbol como deporte” e concluíu que “para nós é todo un orgullo poder participar neste ilusionante proxecto nun país, Sudáfrica, no que como compañía nos sentimos en casa”.
Sobre Celta Academy Evaton
A historia do Celta Academy Evaton comeza nas rúas de Evaton (Johannesburgo). Themba Dlamini, actual presidente, fundou o club en 2001 tras observar a paixón dos mozos que xogaban ao fútbol nas rúas da localidade. Benni McCarthy, quen entre 1999 e 2003 militou nas filas do RC Celta, serviu de inspiración para Dlamini á hora de escoller o nome da formación e homenaxear así ao conxunto celeste. En 2012, Dlamini púxose en contacto co RC Celta grazas á mediación de Pereira Ocean Products e, desde entón, os dous clubs construíron un forte vínculo.
Sobre a Fundación Celta
A Fundación Celta naceu en 1996 como unha gran obra centrada no servizo á sociedade galega a través do desenvolvemento e o fomento do deporte en todos os seus ámbitos. Sendo plenamente conscientes da influencia que ten o RC Celta en todos os seus afeccionados, a Fundación trata de mellorar a calidade de vida das persoas ás que se dirixe e de facer da sociedade que lle rodea un lugar mellor.Reforzar e potenciar accións de igualdade, integración, solidariedade entre nenos e adultos ou promover a través do deporte o desenvolvemento persoal dos máis novos son algunhas dos acenos de identidade da entidade, que trata de fomentar a participación cidadá en actividades de carácter social mediante a promoción de campañas solidarias como “Batas solidarias”, “Celta Integra” ou “Sangue celeste”.
Sobre Pereira Ocean Products
Pereira Ocean Products é a filial de Grupo Pereira en Sudáfrica desde o ano 2009. O pasado mes de febreiro a compañía gañou o premio “Golden Lion Award” da Cámara de Comercio Española en Sudáfrica en recoñecemento á integración exitosa e sostible de Pereira Ocean Products entre unha empresa surafricana e española e pola súa contribución ao investimento, a creación de emprego e a responsabilidade social da compañía en Sudáfrica.