fredi
Celta Fortuna

O reto de Fredi Álvarez: competir e formar talento en Primera Federación

RC Celta

O Celta Fortuna prepárase para disputar o seu primeiro partido da tempada en casa, no Estadio Municipal de Barreiro, onde recibirá mañá ás 14:00 horas, ao CD Guadalajara. Na previa do encontro, Fredi Álvarez, compartiu as súas sensacións tras esta primeira semana de competición.

Arrincamos a tempada con moita ilusión”, destacou ao afrontar un novo curso á fronte dun grupo renovado, con moitas caras novas e unha filosofía clara. “O noso principal obxectivo é competir cada partido da mellor maneira e que os xogadores vaian crecendo aos poucos”.

Cun plantel que sufriu grandes cambios este verán, Fredi valora moi positivamente o resultado obtido ante o Zamora CF a pasada fin de semana. “Era un escenario difícil, ante un rival esixente, dun xogo directo moi complicado de defender, polo que sumamos un punto moi importante”.

 

Unha primeira xornada que arrincaba coa gran novidade das medidas regulatorias incorporadas en Primera Federación que buscan profesionalizar aínda máis a categoría. Para Fredi, “son unha arma que ven a axudar, pero que haberá que ver como funcionan segundo vaia avanzando a competición”.

Unha competición que este curso contará coa presenza de seis equipos galegos, algo que o técnico ve como unha oportunidade. “É un aliciente para o fútbol en Galicia e un estímulo para a afección, con desprazamentos máis curtos que van permitir estar máis preto do equipo”.

A emoción estará asegurada e os derbis tamén pero, neste momento, o Celta Fortuna só ten en mente o seu próximo rival, o CD Guadalajara, do que Fredi advirte do perigo que supón enfrontarse a un equipo recentemente ascendido, “virán coa ambición e a ilusión de asentarse na categoría”.

Emoción en estado puro que regresa a Barreiro para facernos gozar dun partido do que se algo ten claro o técnico celeste é que “a afección vai estar connosco sen ningunha dúbida. Xuntos imos tentar sumar os tres puntos”.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas