O Celta Fortuna volveu sorrir en casa tras impoñerse ao Real Unión por 2-1 nun partido no que os pupilos de Fredi Álvarez demostraron un dominio absoluto sobre o terreo de xogo. Despois dun inicio cheo de intensidade e garra, o filial celeste logrou remontar no desconto dos primeiros 45 e levar tres puntos que renovan a confianza.
O partido comezou cunha clara superioridade do Celta Fortuna, que non deixou respirar aos visitantes. Óscar Marcos, Jordi Escobar e El-Abdellaoui foron os principais artífices dun ataque que poñía reiteradamente en xaque á defensa rival. Con todo, o Real Unión mantívose firme, apostando por un xogo replegado e en busca da contra.
O primeiro revés do encontro chegou cando, nunha xogada nas inmediacións da área celeste, Joseca sufriu unha lesión que obrigou a súa saída do campo en padiola entre os aplausos do público. Na continuación, os visitantes adiantáronse no marcador cun tanto de Sergio Benito, quen só tivo que empuxar o balón tras un pase medido do excéltico San Bartolomé.
A pesar deste golpe, o Fortuna non baixou os brazos e seis minutos de tempo engadido foron suficientes para que os de Fredi Álvarez materializasen o seu dominio. O empate chegou grazas a un centro de Antañón desde a dereita que, tras o intento de despexe de Javi Domínguez, acabou en propia porta. A remontada, apenas uns segundos despois e co mesmo selo. Antañón volveu aparecer cun potente disparo que se estrelou no traveseiro, pero que puido aproveitar Jordi Escobar para anotar o 2-1 xusto antes do descanso.
Na segunda metade, o Celta Fortuna seguiu impoñendo a súa lei, buscando con insistencia ese terceiro gol de serenidade. Miguel Román, Iván Garriel e Tincho seguían probando sorte ante a portería rival, sen éxito. Tentábano tamén, máis timidamente, os de Albert Carbó, pero unha expulsión por vermella directa de Berto Cayarga, quen empuxou a Gael Alonso tras protestar un posible penalti, deixou á Real Unión cun menos, dificultando aínda máis as súas opcións de reaccionar.
Sen tempo para máis, o Celta Fortuna logrou pechar o marcador 2 a 1, un resultado que dá moral ao filial celeste para afrontar o seu próximo encontro fronte á Cultural Leonesa, que terá lugar o sábado 22 de febreiro ás 18:00h no Estadio Municipal Reino de León.
FICHA TÉCNICA:
2- Celta Fortuna: Marc Vidal; Gael Alonso, Yoel Lago, Iván Garriel; Jones El-Abdellaoui (Ángel Arcos, min. 89), Burcio (Sergio Díez, min 55), Miguel Román, Tincho (Jaime, min. 89); Antañón, Jordi Escobar (Johan Guedes, min. 70) e Óscar Marcos (Hugo González, min. 70).
1- Real Unión: Wright, Joseca (Munroe, min. 35), Olaortua (Puig, min. 67), Javi Domínguez, Aranzabe, Iker Bilbao (Rivero, min. 67), Vidorreta, Eimil (Cayarga, min. 67), Sergio Benito e San Bartolomé (Garrido, min. 46).
Goles: 0-1, min. 38: Sergio Benito. 1-1, min. 45+2: Javi Domínguez en propia meta. 2-1, min. 45+5: Jordi Escobar.
Árbitro: Gerard Brull. Expulsou con cartón vermello ao visitante Cayarga (min. 75) e mostrou cartón amarelo aos locais Miguel Román, Óscar Marcos e Garriel.
Incidencias: Partido correspondente á vixésimo cuarta xornada da Primeira Federación disputado no Campo Municipal de Barreiro.