WhatsApp Image 2026-02-15 at 17.18.04
A Canteira

Remontada e goleada | Celta Fortuna 4-2 Real Avilés

RC Celta

O Celta Fortuna segue amurallando o templo celeste tras unha importante vitoria ante o Real Avilés (4-2). Os goles de Hugo González, Somuah, Álvaro Marín e Hugo Burcio permitiron aos celestes remontar un inicio complicado e reafirmar a capacidade do equipo para sobrepoñerse á presión. Con este triunfo, os de Fredi Álvarez manteñen viva a ilusión e continúan firmes na loita polos postos altos da clasificación.

A primeira metade arrancou complicada para os locais. Aínda non se cumpriran os 10 minutos cando Kevin Bautista adiantou ao Avilés cun tanto que reflectiu a intensidade desbordante coa que o equipo visitante saíu ao verde. Os celestes buscaron reaccionar e probaron fortuna con disparos de Dela e Capde, pero o gol non chegaba. Pouco a pouco, os pupilos de Fredi Álvarez foron atopando o seu sitio, equilibrando o xogo e xerando máis perigo. Un espertar que materializou Hugo González ao filo da saída aos vestiarios, cando transformou unha falta no empate xusto antes do descanso.

A segunda metade comezou cun novo golpe para os celestes. Campavadal puxo o 1-2 nada máis comezar, pero a reacción non se fixo esperar. Somuah igualou o marcador no minuto 62 e, co paso dos minutos, o Celta Fortuna foise facendo dono do encontro. Álvaro Marín adiantou aos seus cunha combinación brillante entre Andrés Antañón e Hugo González, e Hugo Burcio pechou a conta no 87, deixando o 4-2 definitivo e selando a vitoria ante un Avilés que non baixou os brazos ata o último suspiro.

Con este triunfo, o Celta Fortuna suma tres puntos máis e mantén a súa posición entre os equipos destacados da categoría. Unha vitoria que reforza a confianza do grupo e prepara ao equipo para o seu próximo desafío, que terá lugar o venres 20 de febreiro ante o Racing de Ferrol en A Malata ás 19:00 h.

FICHA TÉCNICA:

4- Celta Fortuna: Coke Carrillo; Ribes (Khayat, min.45), Anxo Rodríguez, Meixús, Germain Milla, Hugo González, De la Iglesia (Hugo Burcio, min.45), Adrià Capdevila (Antañón, min.70), Arcos (Oliveras, min.80), Oscar Marcos e Somuah (Alvaro Marín, min.65).

2- Real Avilés Industrial: Nando; Osky, Babin, Carmona (Grigore, min.45), Campabadal (Quicala, min.78), Cayarga (Luís Alcalde, min.57), Gete (Javi Cueto, min.85), Kevin Bautista, Adri Gómez, Uzkudun e Raúl Rubio (Santamaría, min.57).
Goles: 0-1, min.9: Kevin Bautista; 1-1, min.44: Hugo González; 1-2, min.51: Campabadal; 2-2, min.63: Somuah; 3-2, min.74: Álvaro Marín; 4-2, min.86: Hugo Burcio.

Árbitro: Roberto Gonzalo, comité de Guadalajara. Amonestou aos locais Anxo (min.89), Coke (min.95) e aos visitantes Campabadal (min.22), Gete (min.29) e Adri Gómez (min.77).

Incidencias: Partido correspondente á 24ª xornada do Grupo I de Primera Federación Versus e-Learning celebrado en Abanca Balaidos ante 910 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Celta Fortuna Novas canteira Novas celta b

Noticias recomendadas