
O Celta Fortuna e a SD Ponferradina repartíronse os puntos no Toralín nun encontro marcado pola choiva e a igualdade. O partido que pechaba a Xornada 23 do Grupo 1 da Primeira RFEF rematou sen goles e deixou poucas ocasións claras, moito traballo no centro do campo e un empate que permite aos celestes manterse na parte alta da clasificación.
O choque comezou baixo un intenso aguaceiro que dificultou a circulación do balón e condicionou o ritmo do xogo. Nos primeiros compases non houbo un dominador claro, ambos equipos estaban ben plantados en defensa sen deixar espazos. Con todo, co paso dos minutos, os pupilos de Fredi Álvarez tiveron algo máis de posesión, aínda que sen profundidade, fronte a unha Ponferradina que apostou por un xogo máis directo. Así, o crono chegou ao minuto 45 deixando un primeiro acto de escasas chegadas e un xogo trabado, reflexo do equilibrio sobre o céspede.
Tras o paso polos vestiarios, o Fortuna deu un paso adiante e xerou as mellores ocasións do encontro. Hugo González obrigou ao porteiro local a empregarse a fondo e, pouco despois, Álvaro Marín rozou o gol cun disparo ao pao. Os celestes levaban entón a iniciativa, pero os locais non baixaron os brazos e trataron de responder con chegadas illadas e un arreón nos últimos minutos. A pesar da tensión do tramo final e dos sete minutos de engadido, o marcador non se moveu.
Este empate, nun partido esixente polo contexto e polo rival, deixa ao Celta Fortuna cun punto que reforza a súa boa dinámica. Agora, os celestes xa poñen a mirada no seu seguinte compromiso ligueiro, que será ante o Real Avilés o próximo domingo 15 de febreiro ás 12:00 horas, co obxectivo de volver sumar de tres.
FICHA TÉCNICA:
0 – SD Ponferradina: Andres; Koke Iglesias, Novoa, Undabarrena, Vasco Sousa, San Emeterio (Frimpong, min.53), Erik Morán (Vicente Esquerdo, min.38), Borja Vázquez, Borja Valle (Keita, min.81), Xemi Fernández (Carlos Calderón, min.81), Cortés (Petkov, min.53).
0 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Gavián, Ribes (Jaime Vázquez, min.80), Anxo Rodríguez, Meixús, Germain Milla (Oliveras, min.70), Hugo González (Kibet, min.83), De la Iglesia, Adrià Capdevila, (Burcio, min.70), Arcos e Álvaro Marín (Soumah, min.70).
Arbitro: Guillermo Conejero (comité extremeño). Amonestou aos locais Germán Nóvoa (min.43), Undabarrena (min.30) e ao visitante Germain Milla (min.37)
Incidencias: Partido correspondente á 23ª Xornada do Grupo I de Primera Federación Versus e-Learning celebrado no Estadio Municipal El Toralín de Ponferrada.