O RC Celta aposta pola mocidade e o talento autóctono, tamén nos bancos. O técnico vigués Rubén Albés seguirá dirixindo ao Celta B a próxima tempada tras renovar co club celeste ata xuño de 2019. Xunto a el seguirá como segundo adestrador Toni Madrigal, quen chegou a Vigo con Albés o pasado verán e que tamén renovou unha tempada máis co RC Celta.
A prometedora traxectoria de Albés está a referendala esta campaña cuns excelentes resultados co filial céltico na primeira volta do campionato de Segunda División B. Os canteiráns celestes finalizan o ano en postos de promoción de ascenso con 32 puntos e moi boas sensacións, especialmente en Barreiro, onde tan só cederon unha derrota ata o momento.