
Ao recente ascenso do Celta Fortuna a LaLiga Hypermotion súmase agora a convocatoria de dous xogadores formados na Madroa para disputar o Campionato de Europa sub-19 coa selección española.
Andrés Antañón e Anxo Rodríguez foron incluídos por Paco Gallardo na lista de convocados para o torneo continental, que se celebrará en Gales do 28 de xuño ao 11 de xullo. Un recoñecemento ao traballo, crecemento e rendemento de dous canteiráns que representan á perfección o talento Feito na Madroa.
Antañón afronta esta nova cita internacional despois dunha tempada espectacular. Habitual nas convocatorias das categorías inferiores da selección española e fixo na sub-19 durante todo o curso, o centrocampista celeste foi unha peza moi importante ao longo do curso no Celta Fortuna, alén de cumprir o soño de debutar en LaLiga co primeiro equipo no encontro disputado ante o Girona FC en Montilivi.
Pola súa banda, Anxo Rodríguez continúa consolidando unha progresión que o levou a estrearse este ano coa selección española. O futbolista pontevedrés foi convocado por primeira vez en xaneiro e xa non se baixou do carro, formando parte das diferentes concentracións da sub-19 durante a tempada.
Ambos os xogadores xa viaxaron á concentración para unirse ao resto da expedición da Selección Española para preparar o campionato antes de viaxar a Gales, onde España debutará o 28 de xuño fronte á selección anfitrioa. Dinamarca e Alemaña completarán a fase de grupos do combinado dirixido por Paco Gallardo.
Desde o Celta queremos felicitar a Andrés e Anxo por este novo paso na súa traxectoria e desexarlles moita sorte nunha competición que volverá contado con representación celeste.
Parabéns, canteiráns!