fORTUNA
Celta Fortuna

Testemuñas dunha fazaña histórica | Celta Fortuna 4 – 3 CF Talavera

RC Celta

Como se resume en apenas unha liñas o vivido hoxe no estadio de Barreiro? É practicamente imposible transmitir as emocións e o orgullo celeste que se respiraba no ambiente no momento no que o árbitro deu o asubío final. Porque non foi un partido máis, foi O PARTIDO onde o Celta Fortuna demostrou o carácter e o talento dun equipo novo, o máis novo da categoría, que nunca deixou de crer, que se afianza no máis alto da clasificación. Un equipo que quere máis e demóstrao.

Non foi o inicio desexado para os pupilos de Fredi Álvarez que nos primeiros 45 minutos víronse superados por un CF Talavera que soubo facerse co dominio do balón e aproveitar cada erro para marcharse ao descanso cunha vantaxe de tres goles.

Lonxe de renderse, o Celta Fortuna reaccionou tras o paso por vestiarios. O técnico celeste cambiaba de sistema e rapidamente incorporaba ao terreo de xogo a Joel López, Ángel Arcos e Hugo González que deron unha enerxía renovada ao equipo que atopou o camiño cara á remontada desde o minuto 50. Andrés Antañón abriu a conta cun disparo cruzado tras unha gran asistencia de Hugo González, e apenas tres minutos despois, Pablo Gavián recortou aínda máis as distancias cun certeiro remate de cabeza nun saque de esquina.

No marcador asomaba o 2-3 e todos os afeccionados presentes no estadio de Barreiro empuxaban, coñecedores de que a xesta estaba cada vez máis preto. Mentres, o Celta Fortuna mantiña a calma e buscaba o empate que chegaría no minuto 73 cun potente disparo desde fóra da área de Hugo González.

Sen apenas tempo para celebrar a igualada, os celestes volvían a rearmarse conscientes de que as cousas non son como empezan e o imposible é simplemente aquilo que non se tenta. Desta maneira, o equipo cría, a afección empuxaba e xa no tempo de desconto, Bernard Somuah, recentemente incorporado ao terreo de xogo, cazaba un balón solto na área para selar o 4-3 definitivo e desatar a euforia total nas bancadas. Unha euforia que se trasladaba ao céspede tras o asubío final que consumaba unha vitoria desas que emocionan, desas que valen máis que tres puntos e que reforzan a un equipo que o vindeiro sábado, 15 de novembro ás 21:00h., enfrontarase ao líder da categoría, ao CD Tenerife, do que tan só o separa 1 punto.

FICHA TÉCNICA:

4 – Celta Fortuna: Coke; Anxo, Jaime Vázquez, Ndiaye (Joel López, min. 46); Pablo Gavián, Hugo Burcio, Andrés Antañón (Dela, min. 79), Capdevila (Hugo González, min. 46), Luis Bilbao (Ángel Arcos, min. 46); Álvaro Marín (Bernard Somuah, min. 86) e Óscar Marcos.

 3 – CF Talavera: Jaime González, David Cuenca (Roig, min. 69), Álvaro, Sergi Molina (Edu, min. 59), Pitu Doncel, Di Renzo, Luis Sánchez (Valen, min. 69), Isaiah (Capó, min. 59), Bilal, Montero e Farrando (Molina, min. 59).

Goles: 0-1, min. 18: Montero. 0-2, min. 30: gol en propia. 0-3, min. 45+3: Cuenca. 1-3, min. 53: Andrés Antañón, 2-3, min. 56: Pablo Gavián. 3-3, min. 73: Hugo González. 4-3, min. 90+1: Bernard Somuah.

Árbitro: Ekaitz Ikiñi García Arriola (Comité vasco). Por parte do Celta Fortuna, amoestou a Ndiaye, Álvaro Marín, Ángel Arcos e Pablo Gavián. Por parte do CF Talavera, viron amarela Sergio Montero, Dei Renzo, Pedro Capo, David Conca.

Incidencias: Partido correspondente á undécima xornada de Primera Federación disputado no estadio de Barreiro ante 824 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas