
O Celta Fortuna dominou durante boa parte do encontro a un dos grandes históricos do fútbol español, ao Real Valladolid, pero terminou vendo como se escapaban dous puntos nunha recta final de infarto marcada pola intervención do VAR e un gol no 89.
Desde o inicio, os pupilos de Fredi Álvarez trataron de impoñer a súa proposta ante o conxunto valisoletano que pronto atopou profundidade polo costado esquerdo. Os visitantes acumularon chegadas e dispuxeron de varias ocasións para adiantarse no marcador, pero atopáronse cun Coke especialmente inspirado que respondeu con varias intervencións de moito mérito, incluída unha gran parada ante un remate de socato. O filial soubo resistir o mellor momento do rival sen perder a orde nin renunciar ás súas opcións ofensivas. Vladimir, desde o carril dereito, probou fortuna cun disparo potente e Ángel Arcos tivo outra oportunidade tras unha boa acción de Óscar Marcos, aínda que o seu remate non atopou portería.
Nos primeiros compases da segunda metade, Pablo Meixús pelexou un balón dentro da área visitante e, no medio dunha acción embarullada, Dani Pérez terminou anotando en propia porta. O 1-0 premiaba o traballo do Fortuna e obrigaba ao Valladolid a dar un paso adiante. Os de Fran Escribá asumiron entón a iniciativa e someteron durante varios minutos ao conxunto celeste, que atopou novamente en Coke ao seu principal argumento para soster a vantaxe.
Co paso dos minutos, o Fortuna recuperou terreo e volveu atopar espazos. Foi entón cando Ángel Arcos protagonizou unha extraordinaria condución que culminou cun remate ao fondo da rede. Abanca Balaídos celebraba o que parecía o gol da sentenza, pero o VAR entraba en acción para anular o tanto por unha aparente falta previa na recuperación do balón.
Non quedaba outra que seguir remando contra vento e marea pero, despois de 88 minutos dun gran traballo defensivo, un mal despexe condenaba ao Fortuna e o Real Valladolid aproveitaba a acción para establecer o 1-1 definitivo no marcador.
Deste xeito, o filial celeste suma un punto competindo de ti a ti ante un rival que hai apenas dúas tempadas militaba na máxima categoría. Agora, mira xa cara ao seu próximo compromiso que será o luns, 30 de novembro ás 20:30h., ante o Real Oviedo no Carlos Tariere.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Anxo Rodríguez, Pablo Meixús, Raúl Chirveches (Quique Ribes, min. 68); Vladimir (Germain Milla, min. 72), Adrià Capdevila (Kibet, min. 82), Andrés Antañón, Jan Oliveras (Joel López, min. 46); Óscar Marcos (Stefan Bajčetić, min. 68), Ángel Arcos e Álvaro Marín.
1 – Real Valladolid: Aceves; Alejo, Miguel Rubio, Torres, Iván Garriel; Dani Pérez (Cabanzón, min. 63), Juric (Rooij, min. 90), Ponceau; Abed (Luis Chacón, min. 63), Víctor Jr (Van Duiven, min. 76) e Arnu (Barberá, min. 76).
Goles: 1-0, min 53: Dani Pérez en propia meta. 1-1, min. 89: Barberá.
Árbitro: José Antonio Villalobos (comité andaluz). Por parte do Celta Fortuna, amoestou a Capde e a Ángel Arcos. Mentres que, por parte do Real Valladolid, viron amarela Dani Pérez, Víctor, Cabanzón, Alejo e Barberá.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 15 de LaLiga Hypermotion disputado en Abanca Balaídos ante 3.912 espectadores.