Imagen de WhatsApp 2025-03-23 a las 18.49.06_3adbc30e
Celta Fortuna

Unha revolución con sabor a vitoria | Barakaldo 0-1 Celta Fortuna

RC Celta

O Celta Fortuna logra unha importante vitoria a domicilio ante o Barakaldo, un golpe sobre a mesa que demostra o carácter do filial celeste na súa loita por afastarse da parte baixa da clasificación.

O encontro comezaba practicamente no momento no que se anunciaba a aliñación escollida por Fredi Álvarez, toda unha revolución no banco coa que o técnico galego trataba de sorprender ao conxunto vasco cunha proposta sólida en defensa e que terminaría sendo moi difícil de bater. E é que, din por aí que, “quen non arrisca, non gaña” e o Celta Fortuna decidiu saír ao terreo de xogo con toda a carne no asador para demostrar, ante un equipo que se atopa en postos de Play-off, o significado de afouteza.

A pesar de que os primeiros compases do encontro foron de domino local obrigando a Coke, na súa volta á titularidade, a demostrar a súa seguridade baixo os paus, aos poucos, os celestes gañaron solidez sobre o terreo de xogo, facéndose co dominio do balón e xerando cada vez máis perigo na área rival.

Tras uns primeiros 45 minutos sen cambios, arrincaba a segunda metade con novos axustes tácticos nas filas celestes que resultarían decisivos para o devir do partido. No minuto 60, Pablo Gavián protagonizaba unha magnífica acción pola banda dereita coa que asistía a Andrés Antañón, quen definiu cun tiro cruzado para establecer o 0-1 no marcador. Un resultado co que o filial se replegaba no seu campo tratando de evitar as arremetidas duns gualdinegros que se envorcaron en ataque. Unha organización e solidez defensiva que se mantivo ata o asubío final cando se certificaba que os tres puntos viñan para casa. Satisfacción entre os xogadores celestes coñecedores da importancia de volver á senda da vitoria e puntuar nun campo tan complicado como o do Barakaldo que lles permite deixar os postos de descenso.

Tres puntos de ouro cos que afrontar unha nova semana coas enerxías renovadas para enfrontarse ao CD Arenteiro o vindeiro domingo, 30 de marzo, ás 19:00h. no estadio do Espiñedo.

FICHA TÉCNICA: 

0 – Barakaldo CF: Unai Pérez, Borja García, Ekaitz, Pedernales, Huidobro, Valiño, Torre (Jelbat, min. 65), Artetxe (Urki, min. 78), Pablo, Isuskiza (Uriarte, min. 65) e Luis Bilbao (Buján, min. 39) (Jesús Martínez, min. 78).

1 – Celta Fortuna: Coke; Vicente (Hugo Burcio, min. 46), Yoel Lago, Jaime Vázquez; Pablo Gavián (Sergio Díez, min. 70), Fer López, Miguel Román, Iván Garriel (Tincho, min. 61); Andrés Antañón, Hugo González (Jones El-Abdellaoui , min. 76) e Johan Guedes (Jordi Escobar, min. 61).

Gol: 0-1, Andrés Antañón (min. 60).

Árbitro: García Rego. Por parte do Celta Fortuna, viron tarxeta amarela Vicente Nunes e Jones El-Abdellaoui. Mentres que do Barakaldo foi amoestado Valiño.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 29 do Grupo I de Primera Federación versus e-Learning disputado no Polideportivo de Lasesarre (Vizcaya).

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas