DO Celta 2
A Canteira

Iván Cancela e Jonatan Giráldez, convidados de excepción na segunda xornada do VIII Curso Denominación de Orixe Celta

RC Celta

O Salón Rexio de A Sede volveu abrir as súas portas para celebrar unha tempada máis o Curso Denominación de Orixe Celta. O evento, que xa vai pola súa oitava edición, ten como obxectivo potenciar a formación e especialización dos técnicos da entidade celeste e dos clubs convidos.

Tras a primeira sesión, celebrada nas instalacións deportivas de A Madroa e dirixida en exclusiva para os técnicos das categorías inferiores do Club, o curso retomou onte, 16 de outubro, o seu formato habitual coa presenza de dous grandes ponentes: Iván Cancela e Jonatan Giráldez.

A VIII edición do Curso D.O. Celta, posterior á benvida e presentación por parte do director da Fundación Celta, Germán Arteta, abriuse coa intervención de Iván Cancela, actual presidente do Comité Galego de Adestradores e director da Escola Galega de Adestradores, ademais de seleccionador Galego de Afeccionados, que dirixiu con éxito na última Copa das Rexións da UEFA. Iván explicou e desenvolveu as súas moitas funcións dentro da Federación Galega de Fútbol en dous diferentes bloques. Na primeira parte, o técnico de Anxeriz-Tordoia deu a coñecer aos técnicos todas as novidades relacionadas coa entidade, desde o novo plan de estudos da UEFA ata o funcionamento da Escola e do Comité, pasando polo asesoramento e axudas a adestradores e adestradoras, bolsas de traballo e convenios, así como xornadas itinerantes, formacións e cursos. Na segunda parte, e utilizando como fío condutor a Copa das Rexións da UEFA do 2023, debullou a estrutura, organización e liñas de actuación dunha selección galega que se converteu no mellor equipo afeccionado de fútbol de Europa. Interesante e produtiva charla, concisa e precisa, onde Iván permitiu descubrir a todos os asistentes o seu bo desempeño e traballo dentro da Federación Galega de Fútbol.

O segundo relator do día foi Jonatan Giráldez, o técnico vigués que se familiarizou co fútbol xogando en clubs da cidade como o Sárdoma CF, CD Areosa e Coruxo FC. Tras realizar as súas prácticas na canteira do RCD Espanyol, e un frutífero paso pola Federación Catalá de Fútbol no 2019, Jonatan uniuse como asistente ao equipo feminino do FC Barcelona, para converterse dúas tempadas despois no seu primeiro adestrador. Títulos de Liga e Copa, Supercopa de España e Liga de Campións, enchen as vitrinas dun dos considerados mellores adestradores de Europa e nomeado ao prestixioso galardón “The Best” da FIFA.

O adestrador vigués comezou a charla coa súa particular visión e idea sobre o modelo de xogo dun equipo de fútbol. Superioridades, fase de posesión e recuperación, prioridades de adestramento, conceptos preferentes de traballo e mellora individual, foron algún dos puntos crave tratados co obxectivo de optimizar o proceso de adestramento. Despois dun breve descanso, a creación de diferentes escenarios de máxima esixencia tanto ofensivos como defensivos foi o contido elixido para finalizar a súa exposición. Extraordinaria masteclass, de máis de dúas horas de duración, na que Jonatan Giráldez captou a atención e interese dun público participativo e entregado ante todo o coñecemento compartido.

Desde o RC Celta e a Fundación Celta, queremos agradecer tanto a Iván Cancela como a Jonatan Giráldez a súa presenza nesta primeira xornada inaugural e desexarlles todos os éxitos posibles nun futuro. Foi un auténtico luxo e privilexio abrir a VIII edición do Curos D.O. Celta con dous dos mellores técnicos galegos do panorama actual.

Para poder gozar da próxima xornada, recibir coñecementos e experiencias de profesionais de distintas áreas, e ampliar así a formación dos técnicos cunha nova perspectiva na súa visión do fútbol e da xestión de persoas, teremos que esperar ao próximo luns día 13 de novembro. Segunda xornada na que contaremos coa presenza de tres novos convidados sorpresa que anunciaremos nos próximos días.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Fundación

Noticias recomendadas