ESCUDO-1300x400-01
O Club

O proxecto Galicia Sports 360 deslumbra no Foro EFE Bussines Days, referente na industria do deporte

RC Celta

O proxecto Galicia Sports 360 e o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, foron os grandes protagonistas do Foro EFE Sport Business Days, celebrado esta mañá no auditorio Castellana 81 de Madrid, co título “A Industria do Deporte en Galicia”. A exposición do presidente celeste suscitou un gran interese dada a enorme dimensión do proxecto, que supoñerá unha profunda transformación na industria do deporte galego e un impulso sen precedentes para o RC Celta.

O foro, ao que asistiron Javier Tebas, presidente de LaLiga e Antonio Martín, o seu homólogo da ACB, entre outros, e foi presentado polo director de Deportes de EFE, Luís Villarejo, contou tamén coa participación de Sofía Toro, gerente do Clúster da industria do deporte de Galicia, Carmen Lence, CEO do grupo Lence-Leite Río, e do canteirán celeste Iago Aspas, que participou de xeito telemático: “A estabilidade deportiva que conseguiu o club, a económica, a súa aposta pola canteira… Están sendo recompensadas”, asegurou.

A achega do proxecto Galicia Sports 360 ao crecemento do deporte galego e a súa industria, que supón un 2,5 por cento do PIB da comunidade, foi un dos eixes do foro, no que Carlos Mouriño detallou o proxecto e o gran impacto que terá para o club e para Galicia.

Ademais, Carlos Mouriño analizou diversos aspectos da actualidade da entidade celeste, o determinante papel da canteira na filosofía do club e o ilusionante futuro que lle agarda ao RC Celta a nivel deportivo e institucional.

Mouriño reflexionou sobre os seus inicios á fronte do RC Celta e a realidade do fútbol por aquel entón, pero tamén da necesidade de mirar cara ao futuro, no que o proxecto Galicia Sports 360 xoga un papel fundamental: “Queremos que Galicia sexa un referente do deporte en España e exportarlo ao mundo”.

O presidente céltico profundou na aposta do club polo fútbol base, mostrou a súa ambición no proxecto deportivo para o centenario da entidade viguesa e remarcou a necesidade de “profesionalizar moito máis o deporte galego”, unha profesionalización na que o RC Celta é un magnífico exemplo tras máis dunha década de intenso traballo neste sentido. Así o sente tamén Javier Tebas, presidente de LaLiga e parte do público no acto organizado por EFE, quen asegurou que “o proceso do RC Celta desde que empezou Carlos Mouriño é para pellizcarse”.

O presidente do RC Celta reiterou o enorme impacto que terá Galicia Sports 360 na industria do deporte da comunidade galega con diversas propostas de innovación, formación, turismo deportivo, restauración, investigación, lecer, medicina deportiva, multideporte…

Galicia Sports 360 supoñerá un investimento duns 70 millóns de euros e a creación de máis de 200 postos de traballo e posibilitará tamén unha estreita colaboración coa totalidade das federacións deportivas, que terán acceso ás instalacións para, entre outras actividades, realizar probas específicas de deportistas de alto rendemento.

EFE Sports Bussines Days é o foro de referencia da industria do deporte, unha cita na que se reúnen os profesionais máis influintes do panorama nacional e internacional para dar luz sobre os temas máis relevantes que afectan ao sector. Entre os anteriores ponentes destacan o presidente de FIFA, Gianni Infantino, ou o seu homólogo de LaLiga, Javier Tebas.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas